Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 12 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Vixilancia “gorrillas”

Durante a mañá do luns, durante o dispositivo organizado pola Unidade Territorial de Policía de Barrio nas inmediacións do HULA, para a detección de posibles actividades irregulares de “gorrillas”, os axentes sorprenderon a tres persoas que, introducíndose na calzada, causaban perturbación na circulación de vehículos, ademais do consecuente risco para a súa persoa e a do resto de usuarios da vía, motivo polo que foron denunciados e advertidos de que había de cesar en tal actividade, tras o que se ausentaron do lugar.

Auxilio a cidadán caído en garaxe

Ás 14’15 horas do luns, un indicativo de Policía de Barrio foi comisionada nun garaxe da cidade, onde un home caera da cadeira de rodas e a persoa que o acompañaba non era capaz de levantalo. Os axentes prestaron o auxilio necesario para que puidese regresar á cadeira de rodas.

Auxilio a presunta vítima de violencia de xénero

Durante a mañá de luns, cando os axentes da Unidade de Atestados atendían un accidente de circulación ocorrido na cidade, puideron observar que unha das condutoras implicadas presentaba un estado de nerviosismo e alteración que non era compatible coa escasa entidade do citado accidente, polo que tentan profundar máis en sobre a causas de tal estado, resultando finalmente que a muller temía polo momento no que o que a súa parella se decatase do accidente, xa que habitualmente insultábaa e ameazaba, ademais de obrigala a manter relacións sexuais sen o seu consentimento. Os axentes prestaron o auxilio inicial necesario e requiriron un vehículo camuflado, no que a muller foi trasladada a dependencias policiais para a activación do correspondente protocolo por un presunto delito de violencia de xénero.

Molestias por ruído

Á 1’30 horas do martes, os axentes do Grupo Operativo Nocturno foron comisionados nun domicilio da rúa Padre Sarmiento, do cal procedía música cun volume elevado e causaba molestias ao resto da veciñanza, o cal foi comprobado polos axentes á súa chegada, polo que contactaron co morador da vivenda, que dixo estar a celebrar uns aniversarios coa familia e que apagou de inmediato o reprodutor musical.

Noticias relacionadas