Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Martes, 20 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Inspección local de lecer nocturno

Na mañá de onte, 19 de decembro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no Centro Histórico, detecta que un local de lecer nocturno situado na rúa Catedral, que estaba PRECINTADO, atopábase coas portas abertas e xente no seu interior realizando traballos, violentando os precintos colocados en días pasados por axentes deste Corpo, sen ningún tipo de autorización por parte da Autoridade competente, polo que se procede á identificación da responsable, levantando acta de denuncia por infracción moi grave á normativa de espectáculos públicos, procedendo de novo ao precintado do establecemento.

Delito contra a seguridade viaria (condutor reincidente)

Na tarde de onte unha patrulla camuflada da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola Avenida da Coruña, comprobando que o seu condutor CARECE de permiso de condución por PERDA DE VIXENCIA por perda total dos puntos asignados e que o vehículo CARECE de ITV, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo onde se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, procedendo á inmobilización do vehículo. Así mesmo compróbase que este condutor de 44 anos, veciño desta cidade, xa foi detectado conducindo sen permiso o pasado 9 de outubro, instruíndose tamén dilixencias por delito contra a seguridade viaria.

Ruídos en vivendas

Na noite do luns 19 ao martes 20 de decembro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode, ás 23:25 horas, a un edificio da rúa Río Navia, xa que a veciñanza queixábase dos ruídos que proviñan dunha vivenda. Os axentes escoitan xa desde a rúa música en ton moi alto e voces de persoas, incompatible co descanso nocturno, procedendo á identificación da responsable, que manifesta que celebran unha reunión de amigos, non sendo consciente das molestias que ocasionaba, sendo requirida para que cesen, o que fai ao momento, levantando parte de intervención por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Ás 1:30 horas unha patrulla trasládase a un edificio da rúa Portugal por molestias que ocasionan unhas persoas que impiden o descanso da veciñanza. Os axentes comproban que se escoita música en ton moi elevado, procedendo á identificación do responsable, que presenta signos de acharse embriagado, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao momento, apagando o equipo de música, levantando acta por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Axuda humanitaria

Sobre as 13:00 horas do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na Praza da Constitución unha persoa tirada no chan, sendo auxiliada inmediatamente polos axentes que comproban que presenta unha intoxicación etílica e unha ferida na cabeza, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA.

Noticias relacionadas