Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 21 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Filtros de seguridade viaria

Na noite de onte, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo estableceron diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, coa utilización de vehículos policiais rotulados e camuflados, co seguinte balance:

ALCOHOLEMIAS ADMINISTRATIVAS

  • Na avenida de Benigno Rivera detéctase a circulación irregular dun vehículo, cuxo condutor presenta signos de embriaguez, lanzando un resultado POSITIVO de 0,38 mg/l.
  • Na rúa Curros Enríquez dáse o alto a un vehículo cuxo condutor lanza un resultado POSITIVO de 0,39 mg/l.
  • Na Avenida Infanta Elena é sometido o condutor dun vehículo ás probas de alcoholemia, lanzando un resultado POSITIVO de 0,48 mg/l.

Todos estes condutores foron sancionados con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizando os vehículos.

  • Na Avenida de Madrid detéctase a circulación irregular dun vehículo cuxo condutor lanza un resultado POSITIVO de 0,51 mg/l, sendo sancionado con 1000 euros de multa e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.

Axuda humanitaria

Con motivo da celebración da festa da Carballeira, os indicativos policiais pertencentes ao Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, de servizo na zona, tiveron que intervir en dous auxilios por intoxicación etílica.

O primeiro ao atopar a un mozo tirado no chan cunha forte embriaguez, semi inconsciente e sen reaccionar ás preguntas que se lle facían, colocándoo en posición de seguridade e requirindo a presenza dunha ambulancia do 061 para o seu traslado ao HULA.

O segundo en parecidas circunstancias co mozo anterior, xa que se atopaba tombado no chan, tamén semi inconsciente e sen resposta, sendo trasladado por unha ambulancia ao HULA.

Ruídos en interior de vivendas

Durante a madrugada, as patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo interviñeron en diversas vivendas particulares por ruídos molestos.

A primeira en Xoana de Castro onde os veciños queixábanse dos ruídos que previñan dunha vivenda, sendo identificada a responsable que manifestou que estaba a celebrar unha festa con amigos, non sendo consciente das molestias que ocasionaba, sendo requirida para que cesasen, facéndoo ao instante, levantando acta os axentes.

A segunda en Isaac Díaz Pardo, onde nunha vivenda estaba a levarse a cabo unha festa que molestaba aos veciños, identificando o responsable que cesou nesta actividade, levantando acta os axentes.

En Ronda das Fontiñas, os axentes acoden a un edificio xa que os veciños denuncian molestias provenientes dunha vivenda, identificando os axentes ao responsable que manifestou que estaba a celebrar unha festa cuns amigos, non sendo conscientes das molestias que producían, cesando de forma inmediata e marchándose do piso, sendo acompañados polos policías ao exterior e levantando a correspondente acta para a súa remisión á Autoridade competente.

Localización de vehículo por orde xudicial

A requirimento dun Xulgado da cidade, un grupo especializado do Corpo da Policía Local de Lugo localizou, na localidade de Rábade, un vehículo sobre o que pesaba mandamento xudicial de captura, sendo inmobilizado e posto ao dispor da Autoridade Xudicial competente.

Condutas incívicas

O pasado día 19, no parque da Carballeira de Fingoi procedeuse á identificación dun home que estaba defecando entre as árbores, polo que se levanta acta de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propoñendo sanción de ata 900 euros.

Accidente de circulación con feridos

Na noite do día de onte, un equipo de Atestados do Corpo da Policía Local de Lugo, desprázase a Camiño do Souto onde se produciu un accidente de circulación, comprobando que un vehículo saíuse da vía, chocando contra un noiro de terra e o mastro dun letreiro indicador de rúas, resultando lesionados, aínda que non revisten gravidade, catro pasaxeiros do vehículo, sendo trasladados ao HULA en dúas ambulancia do 061 para a súa atención médica.

Noticias relacionadas