Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 25 de abril de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Rifa familiar

En horas da mañá do venres 22 recibiuse comunicación, na Sala do 092, por unha discusión nun inmoble da rúa dos Guardias. Unha vez no lugar, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio son informados pola persoa  requirente de que escoitara fortes berros, orientándolles sobre a súa posible procedencia.

Os axentes diríxense cara á vivenda indicada e contactan cunha muller, que lles informa que efectivamente discutiu coa súa filla, de 11 anos de idade, pola mala utilización que realiza do teléfono móbil. Os axentes tamén se entrevistan coa menor, a cal corrobora totalmente a versión ofrecida pola nai, polo que os axentes, que non observan ningún indicio de violencia, dan por finalizada a actuación.

Auxilio a persoa desorientada

Durante a tarde do venres, os axentes de Policía de Barrio foron comisionados na rúa Quiroga, desde onde se recibiu aviso sobre unha anciá desorientada. Finalmente resultou ser un home, de 66 anos de idade, que se atopaba en estado de embriaguez e presentaba unha ferida nunha man, motivo polo cal tivo que ser atendido polo 061 e posteriormente trasladado ao  HULA.

Control de locais de hostalería e lecer nocturno

Na noite do sábado ao domingo, a Sala do 092 recibiu queixas por ruídos procedentes dun local da rúa Nóreas. Unha vez no lugar, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, comproban que se trata dun grupo de 15 persoas consumindo bebidas e con música con volume alto, unha das cales presenta solicitude para o rexistro de asociacións. Ante a presenza dos axentes, apágase a música e cesan as molestias.

Durante a mesma noite, sendo as 6’10 horas, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio, denuncian a un local de lecer nocturno, situado na Ronda da Muralla, por exceder no horario de peche, xa que se atopaba aberto ao público.

Na mesma noite, os axentes do Grupo Operativo Nocturno, ven obrigados a denunciar a dous individuos, un dos cales, cando un indicativo realizaba patrulla preventiva pola zona centro, cruzouse diante do vehículo policial impedíndolle o paso e, cando un dos axentes descendeu para contactar con el, foi recibido con insultos. Cando os axentes trataban de identificalo, outro mozo interpúxose, chegando a introducirse na parte traseira do vehículo policial. Ambos foron trasladados a dependencias policiais, onde se procedeu á súa identificación, tras o cal foron denunciados por infraccións á Lei de Seguridade Cidadá, por menosprezo aos axentes da autoridade e negativa a identificarse.

A mesma noite do sábado, os axentes do Grupo Operativo Nocturno foron requiridos para trasladarse a un local de hostalería da rúa Rafael de Vega, onde había unha persoa que non pagaba a conta. Unha vez no local, os axentes puideron pescudar que se trataba dun grupo de catro persoas, tres das cales se ausentaron tras a cea, cuxo importe ascendía a 105 euros, quedando unha delas para facerse cargo da conta. Ao pasar a tarxeta non permitiu o pago e o encargado do establecemento acompañou á muller a un caixeiro próximo, onde tampouco lle permitiu extraer diñeiro, ante o cal mostrou a súa estrañeza xa que, segundo ela, acabábanlle de abonar o ingreso mínimo vital. Ante tal situación os axentes procederon á identificación das partes implicadas, quedando a muller en regresar ao día seguinte para efectuar o abono en metálico.

Tamén na noite do sábado, os axentes levantaron unha acta - denuncia a un local de lecer nocturno da rúa Galicia, xa que se atopaba aberto ao público ás 5’32 horas, cunhas 50 persoas no interior consumindo bebidas e coa música en funcionamento.

Xa na mañá do domingo, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio levantaron acta - denuncia a un local da rúa Tuy, por permitir aos clientes saír ao exterior coas consumicións, actividade prohibida pola normativa municipal e que incide gravemente na tranquilidade e descanso veciñal, ao congregarse persoas na vía pública e permanecer na mesma vociferando e cantando.

Durante a noite do domingo ao luns, sobre as 2’00 horas, varias patrullas do Grupo Operativo Nocturno, apoiadas pola Unidade de Atestados, trasladáronse á Praza de Augas Férreas, fronte a un local de hostalería, xa que a Sala do 092 recibira información sobre unha pelexa entre varias persoas.

Unha vez no lugar, os axentes comprobaron que se trataba de tres homes e unha muller que tentaba separalos. Os policías procederon á identificación dos implicados, deixando constancia da actuación xa que, en principio, ningún deles presentaba lesións relevantes e tampouco desexaban presentar ningún tipo de denuncia xa que, segundo eles mesmos, tan só tratouse dun “calentón”.

Seguridade viaria

Durante as xornadas da fin de semana mantivéronse os  filtros constantes de seguridade viaria, que se levaron a cabo en varias zonas da cidade, dando como resultado:

  • 13 denuncias por non someter o vehículo á ITV no prazo regulamentario.
  • 12 denuncias por non subscribir seguro obrigatorio.
  • 1 denuncia por facer uso do teléfono móbil durante a condución.
  • 1 denuncia por non levar a “ L” durante o primeiro ano tras a obtención do permiso.
  • 1 denuncia por conducir cun permiso estranxeiro sen proceder ao seu troco tras superar o prazo regulamentario para iso.
  • 1 alcoholemia positiva requirida por Policía Nacional, xa que, cando circulan detrás dun turismo, este desvíase e choca contra un das árbores que limitan a vía. O condutor lanza resultado de 0’76 e 0’73 mg/ L. Tramítase expediente por presunto delito, por procedemento de xuízo rápido.
  • 1 alcoholemia positiva. Unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio observa como un vehículo realiza un xiro sen a sinalización preceptiva e procede a deter a súa marcha, contactando co condutor e comprobando que presentaba signos de inxerir bebidas alcohólicas. Lanza resultado de 0’61 e 0’60 mg/ L, motivo polo cal se procede a confeccionar denuncia administrativa.

Durante a mañá do sábado, os axentes da Unidade de Atestados reciben aviso dunha saída de vía ocorrida na  Avd. República Arxentina. Unha vez no lugar comproban que se trata dun turismo que, circulando cara a rúa Santiago, saíuse da vía pola marxe esquerda e desprazouse ata acabar na calzada contraria, que se atopa a un nivel considerablemente inferior.

O condutor foi sometido ás probas de alcoholemia regulamentarias, nas que lanzou un resultado de 0’69 e 0’71 mg/ L, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un vehículo de motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Ás 00’55 horas do domingo, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa tirada na  Avd. da Coruña. Unha vez no lugar, os axentes do Grupo Operativo Nocturno comproban que se trata dun home, que se atopa  case insconsciente e sangrando pola cabeza, achándose unha bicicleta de pedaleo asistido nas inmediacións, sen que se atopen testemuñas que poidan orientar sobre o sucedido. Os policías da Unidade de Atestados inician expediente e as investigacións necesarias para tentar esclarecer o sucedido. O suxeito é inicialmente atendido por unha ambulancia do 061 e finalmente trasladado ao  HULA para unha valoración posterior.

Noticias relacionadas