Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Venres, 26 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio á cidadanía

Na tarde do día de onte unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que se traslade a un edificio da zona de Paradai, xa que unha moza pedía auxilio pola xanela dunha vivenda.

Os axentes, que se presentan de inmediato, son informados pola moza, que momentos antes se atopaba limpando os cristais da xanela e rompeu un cristal, producíndose un corte na man, á vez que caía o teléfono móbil no cubo de auga e lixivia, quedando inservible, dándose conta de que non tiña chave da porta da súa vivenda xa que lla levou a súa parella que estaba a traballar e non sabía de memoria o número de teléfono, polo que decidiu pedir auxilio pola xanela.

Os axentes proceden a entrar na vivenda, requirindo a presenza dunha ambulancia, procedendo a auxiliar a esta persoa, que se achaba tombada no chan, mareada, realizándolle unha cura de emerxencia até a chegada da dotación sanitaria, sendo trasladada ao HULA para a súa atención médica.

A noite de onte, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo desprázase a unha vivenda da rúa Pintor Corredoira xa que unha persoa de avanzada idade caera no interior da súa vivenda e era incapaz de levantarse, observando os axentes que se trataba dun home, que estaba sentado no chan e a súa esposa era incapaz de levantalo, sendo auxiliado polos axentes que o colocan no sofá do salón, sen necesidade de asistencia médica, xa que non sufrira lesión algunha.

Noticias relacionadas