Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 26 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

INCIDENCIAS OBSERVADAS DURANTE A FIN DE SEMANA DE ARDE LUCUS

Durante a fin de semana dos días 23, 24 e 25 de xuño, os indicativos de Policía Local que formaban parte do dispositivo especial organizado con motivo da celebración do “Arde Lucus” realizaron as seguintes intervencións:

Auxilio a cidadáns. Os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, ademais de prestar auxilio a unha persoa maior que se caeu no seu domicilio e cuxa coidadora non era capaz de levantala; tamén asistiron a unha anciá que se atopaba sentada no chan, en vía pública, para quen requiriu a presenza dunha ambulancia do 061, que prestou unha primeira asistencia por un forte golpe na cabeza e na cadeira, para daquela ser trasladada a un centro sanitario, descoñecendo nese momento como se produciu a caída.

Tamén acudiron a outro domicilio, a requirimento dunha persoa que manifestou que non tiña noticias do seu pai desde facía uns días, polo que, tras comprobar que ninguén contestaba no interior da vivenda, pero que o teléfono móbil soaba no interior, os axentes accederon á mesma, comprobando que o home, de 70 anos de idade, falecera, iniciando o protocolo necesario para a investigación destes sucesos.

Denuncias por ouriñar en vía pública. Os policías do Grupo Operativo Nocturno sorprenderon a seis persoas mentres ouriñaban na vía pública, motivo polo cal foron identificadas e denunciadas.

Falta de respecto aos axentes da autoridade. Con motivo das distintas actuacións policiais, os axentes tamén se viron na obrigación de proceder á identificación de dúas persoas por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, por dirixirse aos axentes con expresións despectivas.

Venda ambulante non autorizada. Por parte dos axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno, confeccionáronse seis actas – denuncia por venda ambulante sen autorización, dúas delas sen ocupación de vía pública e as outras catro con ocupación de vía pública para a instalación da mercadoría á venda. Un dos denunciados ofrecía diversos produtos de alimentación, cociñados no lugar, sen ningún tipo de control hixiénico – sanitario, nin de seguridade, xa que ofrecía produtos cárnicos que preparaba a través dun ferro conectado a unha bombona de butano.

Follas de reclamacións. Durante a tarde do sábado, os axentes da Unidade Territorial de Policía de Barrio foron requiridos para trasladarse a un local de hostalería, onde unha das traballadoras estaba a ser insultada e ameazada por un cliente. Unha vez no lugar, os policías procederon á identificación do individuo, que manifestou desexar presentar unha queixa no local, ante o cal lle foron facilitadas as preceptivas follas de reclamación, tras o cal abandonou o lugar. A traballadora foi informada dos pasos para seguir para formalizar denuncia polos feitos relatados.

Rifa familiar. Xa durante a noite, os axentes do Grupo Operativo Nocturno foron comisionados nun domicilio no que se escoitaron os berros dunha muller. Unha vez no lugar, os policías contactaron coa muller, que manifestou que, efectivamente, discutira coa súa exparexa a través da xanela do inmoble, xa que el atopábase na rúa e que, se regresaba ao lugar, tiña intención de denuncialo, pero que nese momento non necesitaba a intervención policial.

Pelexa en vía pública. Na mesma noite, os axentes que patrullaban a pé por cálea Bispo Aguirre foron alertados polos viandantes sobre unha rifa que se estaba producindo nas inmediacións, polo que acudiron de inmediato, comprobando que dous mozos estaban a pelexarse, polo que procederon a separalos de inmediato, controlando e asegurando a situación. Tras identificar tanto a algunha testemuña como aos propios implicados, comprobando que ningún deles necesitaba asistencia médica, a pesar de que un tiña unha pequena ferida nun beizo, informáronlles da necesidade de formalizar denuncia en dependencias policiais para levar a cabo calquera reclamación sobre o ocorrido.

Lume en contedor. Os policías tamén acudiron esa noite a Estrada da Granxa, onde un contedor estaba a arder. Unha vez no lugar, os axentes apartaron o contedor dos vehículos estacionados e utilizaron o extintor da patrulla para controlar o lume ata a chegada dos servizos de extinción, que procederon a apagalo por completo, quedando o contedor completamente calcinado.

Can abandonado e lesionado. Na mesma noite, os axentes tamén acudiron ao requirimento dun cidadán que atopara un can abandonado e lesionado na vía pública. Os policías, tras comprobar que o animal non portaba microchip de identificación, procederon ao seu traslado ao Hospital Veterinario Rof Codina.

Control locais de hostalería. Un local de hostalería foi denunciado por permitir á clientela saír ao exterior coas consumicións do establecemento, o que inflúe na perturbación do descanso veciñal, xa que colabora a que as persoas se concentren no exterior do local para finalizar as consumicións, co ruído que isto conleva.

Tamén foi inspeccionado un establecemento que se atopaba aberto ao público ás 8’00 horas do domingo, cunhas 25 persoas consumindo no interior. Da inspección resultaron denuncias por incumprimento de horario de peche, falta de seguro de responsabilidade civil e mal estado xeral do establecemento, con cristais rotos, danos en teitume, espellos rotos, cableado eléctrico fóra da caixa, extintores caducados, #etc… Por todo eles o local foi desaloxado de inmediato.

Filtros de seguridade viaria. Nos filtros de seguridade viaria levados a cabo pola Unidade Territorial de Policía de Barrio, o Grupo Operativo Nocturno e a Unidade de Atestados, detectáronse as seguintes incidencias:

  • 7 condutores que lanzan resultado positivo nas probas de alcoholemia ás que foron sometidos, con resultados de 0.42-0.44 / 0.35-0.33 / 0.42 – 0.40 / 0.56 – 0.45 / 0.49 – 0.48 / 0.44 – 0.45 / 0.62 – 0. 62 mg/L; polo que foron denunciados administrativamente.
  • 2 condutores investigados por presuntos delitos contra a seguridade viaria, ao lanzar resultados de 0.81 – 0.78 e 0.91 – 0.92 mg/L nas probas de alcoholemia á que foron sometidos, o segundo deles tras sufrir un accidente contra outro vehículo estacionado.
  • 1 condutor investigado por un presunto delito contra a seguridade viaria, por conducir un turismo con perda de vixencia do permiso de conducir por resolución xudicial. Devandito individuo foi observado conducindo de forma temeraria por un axente da Garda Civil, o cal deu aviso á Sala do 092. Os indicativos de Policía Local compareceron de inmediato e procederon á identificación do condutor, comprobando de que carecía do permiso. O suxeito xa fora investigado pola Policía Local en catro ocasiones anteriores, tanto por presuntos delitos de alcoholemia como por conducir sen permiso, dous delas nos meses de novembro e decembro de 2022 e as outras dúas ocasións en febreiro e marzo do presente ano.
  • Durante a fin de semana procedeuse á retirada de 15 vehículos da vía pública para o depósito municipal.

Noticias relacionadas