Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante os días 24 e 25 de xullo.

Mércores, 26 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Discusión de parella

Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda á rúa Castelao, xa que ao parecer unha parella estaba a discutir na vía pública.

Os axentes que se trasladan de inmediato observan a unha muller, en compañía do seu fillo e da parella desta, entrevistándose separadamente con cada un deles, manifestando ambos os dous que no transcurso da noite o home presentouse na vivenda común en estado ebrio e ao ver que o fillo da súa parella usara o seu cargador do móbil, gritáralle, mediando na discusión a muller, que toma a decisión de abandonar a vivenda en compañía do seu fillo, sendo seguida pola súa parella pois temía que lle puidese pasar algo xa que estaba moi nerviosa.

Os policías comproban que non houbo ningún tipo de agresión, nin ameazas, nin que existise orde de afastamento ou calquera outra medida cautelar e que ningunha das partes desexa formular denuncia algunha, decidindo entre ambos os dous que o home abandone a vivenda, polo que entrega voluntariamente as chaves á súa parella, finalizando o servizo sen outra novidade.

Ruídos en interior de vivendas

  • Unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo acode a un edificio da rúa Alfonso X xa que resientes da zona queixábanse dos ruídos molestos que proviñan dunha vivenda.

Os axentes comproban que se escoita música en ton moi alto que provén dun piso do inmoble e, tras chamar varias veces á porta, logran identificar ao responsable das molestias, que manifesta que consumira alcol e quedara durmido, non sendo consciente do volume ao que tiña o equipo de música, sendo requirido para que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantando os axentes o correspondente parte de intervención por presunta infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

  • Outra patrulla acode a un edificio da Avenida da Coruña onde un veciño queixábase dos ruídos que proviñan dunha vivenda, comprobando os axentes que se escoitaba son de música en ton moi alto, que perturbaba o descanso da veciñanza, procedendo á identificación do responsable ao que se lle require que cesen as molestias, o que fai ao instante, levantando os axentes a correspondente acta de denuncia por infracción á Ordenanza de Protección Ambiental.

Filtros de seguridade viaria

Na madrugada do 24 ao 25 por efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo establecéronse diversos filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectándose as seguintes incidencias relevantes:

  • DELITO CONTRA A SEGURIDADE VIARIA: Na rúa Río Lor detéctase a circulación irregular dun vehículo que, ao darlle o alto, compróbase a través das bases de datos policiais que o seu condutor CARECÍA de permiso de condución por PERDA TOTAL DOS PUNTOS ASIGNADOS, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.
  • Na rúa San Roque dáse o alto a un vehículo, comprobando que o seu condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO DE 0,47 MG/L, abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.
  • Nun control establecido na Rolda da Muralla detéctase un condutor que presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas regulamentarias, arroxando un resultado POSITIVO de 0,68 mg/l, sendo sancionado con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.

Noticias relacionadas