Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Mércores, 31 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a persoa desorientada en vía pública

Ás 11.40 horas do luns, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladouse á rúa Xosé Novo Freire, onde había unha anciá desorientada, vestida con camisón. Os axentes comprobaron que a muller estaba a ser asistida por unha parella de viandantes, que xa avisaran á filla da muller a través dun número de teléfono que esta levada anotado nun papel. Tras contactar de novo coa filla por parte da Policía, compareceu no lugar pasados uns 30 minutos. Mentres tanto a anciá foi atendida por unha ambulancia do 061, requirida polos axentes, sen que fose necesario o seu traslado a un centro sanitario.

Liorta en establecemento público

Durante a tarde do pasado xoves, dous indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasladáronse a un local de hostalería da rúa Rua Nova, onde segundo a información recibida pola Sala do 092 había unha pelexa entre dúas persoas. Os axentes comparecen de inmediato no lugar e observan, no exterior, a un home coa cara ensanguentada, presuntamente baixo a influencia do alcol e que require atención médica por unha brecha na cabeza, polo que se require de inmediato a presenza dunha ambulancia do 061.

Os axentes continuaron co labor policial, procedendo á identificación de varias testemuñas e, pasados uns minutos, recibiron requirimento dos servizos sanitarios xa que o home evacuado baixouse da ambulancia na avenida de Ramón Ferreiro e non quería volver subir. Trasladouse ao lugar un indicativo de Policía de Barrio e localizou ao home no interior dun supermercado próximo, aceptando regresar ao interior da ambulancia, que foi acompañada polo indicativo policial ata o centro sanitario. Ao lugar tamén acudiron varias patrullas do Corpo Nacional de Policía.

Parella en establecemento público con actitude sexual

Durante a mesma tarde, a Sala do 092 tamén recibiu información sobre unha parella en clara actitude sexual nun establecemento hostaleiro, tamén situado na Rúa Nova. Os axentes póñense en contacto co encargado do local, que manifesta que os clientes abonaron todas as consumicións, pero que manteñen unha conduta que incomoda ao resto de clientes, xa que realizan actos claramente sexuais.

Os axentes comproban que a parella se atopa aparentemente afectada pola inxesta de alcol e proceden á súa identificación, advertíndolles das molestias que estaban a causar, tras o cal auséntanse do establecemento.

Venda ambulante sen autorización municipal

Os axentes que formaban parte do dispositivo para a vixilancia e control do mercadillo de Frigsa, no Parque da Milagrosa, víronse na obrigación de proceder á identificación e denuncia de dúas persoas que levaban a cabo venda ambulante sen a preceptiva autorización municipal, no interior do recinto.

Propietario de can potencialmente perigoso sen licenza

Unha propietaria que paseaba un can de raza “Bull Terrier”, considerado potencialmente perigoso, foi denunciada por transitar co devandito animal pola rúa Bolaño Rivadeneira, carecendo da preceptiva licenza municipal para a tenencia e manexo deste tipo de cans.

Noticias relacionadas