COMUNICADO DE PRENSA DE POLICIA LOCAL DE LUGO

Venres, 02 de setembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Filtros de seguridade viaria

Con motivo dos filtros de seguridade viaria, estáticos e dinámicos, establecidos polos axentes da Policía Local, para os cales se fai uso de vehículos rotulados e camuflados, realizáronse as seguintes intervencións:

Localización dun vehículo cuxo precinto fora solicitado pola Recadación Executiva do Concello de Lugo, quedando no depósito municipal ata que o seu titular regularice a súa situación.

Retirada co guindastre municipal de vehículo que obstaculizaba a circulación. Ademais, procédese á súa inmobilización no depósito municipal, xa que carece de seguro obrigatorio.

Condutor de VMP (patinete eléctrico) denunciado por conducir o citado vehículo facendo uso coa man do teléfono móbil.

Catro alcoholemias positivas:

Dúas alcoholemias con denuncia administrativa, con resultados de 0.61 e 0.56 e 0.42 e 0.38 mg/L, sendo ambos os vehículos inmobilizados.

Unha alcoholemia realizada ao condutor dun vehículo que causou un accidente na rúa San Roque, chocando contra os estacionados, tras o cal deuse á fuga, sendo localizado por axentes da Policía Nacional en Camiño da Costa. Lanza resultado positivo de 0.86 e 0.76 mg/L, motivo polo cal se instrúen dilixencias por un presunto delito contra a seguridade viaria, polo procedemento de xuízo rápido.

O condutor, ademais, resultou finalmente detido por un presunto delito de atentado a axentes da o autoridade, ao arremeter contra os axentes de Policía Nacional.

Por último, outro condutor que fai caso omiso aos sinais de “Alto” dos axentes que conforman o filtro, iniciando a fuga por varias rúas da cidade, chegando a circular en sentido contrario por toda a rúa Galicia, sendo finalmente interceptado por un indicativo do Grupo Operativo Nocturno na Rolda da Muralla, á altura da rúa San Pedro, onde o vehículo fuxido golpea contra o bordo e perde a dirección. O seu condutor lanza resultado positivo de 0.41 e 0.41 mg/L, polo que foi denunciado administrativamente. Ademais, tamén foi denunciado por conducir de forma temeraria (500 € e 6 puntos).

Molestias por ruídos

Ás 2’40 horas da noite do xoves ao venres, os axentes tamén tiveron que acudir a un domicilio da Ronda das Fontiñas, pola queixa recibida na Sala do 092 sobre unha festa nun piso lindeiro, que impedía o descanso dos veciños. Unha vez no lugar, os axentes comprobaron a veracidade da información, poñéndose en contacto cos moradores da vivenda da que procedían as molestias, que manifestaron ignorar os trastornos que estaban a causar e que cesaron no momento.

Cabalo coas patas atadas

Ás 10’00 horas do xoves 1, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio, recibe información sobre a existencia dun cabalo coas patas atadas nunha leira próxima á rúa Rof Codina. Unha vez localizada a leira, os axentes comproban a veracidade da información, pola que inician as investigacións necesarias para a identificación do titular do animal, facéndoo a través do microchip implantado no mesmo. O propietario comparece en canto recibe o requirimento dos policías, sendo informado de que ha de soltar de inmediato o sistema que ataba as patas do animal, xa que constitúe unha infracción á normativa que regula a situación zoosanitaria destes animais.

Noticias relacionadas