Comunicado do Concello e da Deputación de Lugo sobre a actitude amosada pola CHMS con respecto á ubicación dunha posible zona pública de baño no río Miño

Martes, 09 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Concello e Deputación de Lugo consideran unha falta de compromiso, de lealdade institucional e ninguneo a prontitude coa que a Confederación Hidrográfica Miño-Sil respondeu a un chamamento dun grupo político, para unha posible ubicación dunha zona pública de baño no río Miño, deixando a expensas as solicitudes presentadas no seu día por ambas entidades e obviando a debida colaboración entre institucións, que é o que realmente redunda na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento da nosa cidade.

Ante esta situación, ambas institucións lamentan a reacción electoralista da CHMS de responder en 6 días a un documento presentado, sen ningún informe que o avale, mentres Concello e Deputación levan meses agardando por respostas con respecto á praia fluvial, a pesares de que as súas peticións si están avaladas por informes técnicos. Neste senso, as entidades estiman que dita actuación amosa ademais unha desconsideración cos traballadores e traballadoras das institucións, posto que realizaron un traballo para acreditar ditas solicitudes, que quedaron gardadas nun caixón.

Por este motivo, e dado que Concello e Deputación están a buscar unha alternativa para crear na cidade unha praia fluvial, despois de quedar descartada a ubicación inical por estar localizada nunha zona protexida pola Rede Natura, piden a máxima celeridade á Confederación para desbloquear tanto a creación dunha zona de baño tan demandada polos lucenses como noutros asuntos pendentes coa cidade.

Audios

  • Lara Méndez, sobre a actitude amosada pola CHMS con respecto á ubicación dunha posible zona pública de baño no río Miño | Descargar MP3
  • Álvaro Santos, sobre a actitude amosada pola CHMS con respecto á ubicación dunha posible zona pública de baño no río Miño | Descargar MP3

Noticias relacionadas