A concellería de Urbanismo prepara unha nova Ordenanza municipal que rexerá a Avaliación Técnica dos Edificios

O novo marco legal ten por obxectivo abordar de xeito independente esta materia, conforme aos últimos cambios lexislativos que obrigan á subsitución das antigas ITEs por informes de avaliación.

O cambio levará aparellado, de xeito necesario, a derogación da normativa municipal que regulaba ata o momento a figura das Inspeccións Técnicas.

“Trátase de avanzar con todas as ferramentas administrativas posibles na cultura do sostemento dos inmobles para mantelos en condicións de seguridade, salubridade e ornato”, resumiu a tenenta de alcaldesa Paula Alvarellos.

O Concello vén de abrir, ademais, unha consulta pública a profesionais, colectivos e veciñanza para que fagan as súas achegas co fin de incorporalas, se procede, ao proxecto que se redacte.

Martes, 24 de outubro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A concellería de Urbanismo prepara unha nova Ordenanza municipal que rexerá a Avaliación Técnica dos Edificios

A concelleira de Sostibilidade Urbana e Recursos Internos, Paula Alvarellos, anunciou hoxe que o Concello de Lugo está a elaborar unha nova Ordenanza municipal en materia de Avaliación Técnica de Edificios.

Unha Ordenanza que ten por obxectivo regular, de maneira independente, esta materia acatando así os últimos cambios lexislativos que entraron en vigor recentemente e que obrigan á substitución das antigas Inspeccións Técnicas de Edificios (ITEs) por informes de avaliación que reflictan o grao de cumprimento que está a exercer a propiedade de terreos e inmobles no que ten que ver coa súa conservación, rehabilitación ou co estado ruinoso dos mesmos.

“Trátase de avanzar, por tanto, con todas as ferramentas administrativas posibles, na cultura do sostemento dos edificios para mantelos, con absolutas garantías, en condicións de seguridade, salubridade e ornato público”, sinalou a tenenta de alcaldesa.

Alvarellos Fondo indicou que a nova Ordenanza que prepara o Executivo de Lara Méndez contemplará os termos polos que pasará a rexerse o deber de inspección técnica periódica das edificacións que determine o seu estado de conservación, o acatamento da lei vixente sobre accesibilidade universal e, para os edificios de uso residencial de vivenda colectiva, o grao de eficiencia enerxética, o que se reflectirá no propio informe de avaliación dos edificios.

“O documento incluirá tanto as edificacións que quedan suxeitas a esta obriga formal como os prazos e condicións nos que deban realizarse as inspeccións e informes a cargo de facultativo/a competente, en función da súa antigüidade, tipoloxía, uso predominante ou catalogación en materia de patrimonio cultural, conforme ao ordenamento xurídico estatal e galego, e proporcionando a titulares e técnico/as os instrumentos axeitados para materializar a obriga de inspección periódica que permita o coñecemento das deficiencias existentes nas edificacións e as actuacións necesarias para a súa corrección”.

Igualmente, a responsable de Urbanismo destacou que a Ordenanza - que levará aparellada, de xeito necesario, a derogación da normativa municipal que regulaba ata o momento a figura das Inspeccións Técnicas - recollerá as condicións de realización destas inspeccións “ao tempo que se establecerá a obriga de realizar de xeito periódico un informe de avaliación dos edificios, que acreditará o cumprimento das condicións das edificacións e construcións, calquera que sexa o seu uso e tipoloxía, cunha antigüidade superior aos 50 anos, ou cando polo estado de deficiente conservación así o requira o Concello”, abondou.

Se sinalarán tamén os/as profesionais competentes para levala a cabo así como a esixencia de que no mesmo se determinen as medidas prioritarias recomendables para manter ou recuperar as condicións de conservación e accesibilidade e se fixarán os labores precisos que deberán realizar as persoas propietarias, para conservar ou repoñer as condicións legalmente esixibles aos edificios.

Paula Alvarellos anunciou, así mesmo, que o Concello vén de abrir un proceso de consulta pública co fin de que os sectores e colectivos máis afectados pola aplicación da norma poidan realizar as súas achegas.

Durante os vindeiros 15 días naturais as persoas ou entidades interesadas en realizar algunha suxestión á mesma poderán enviala a través da dirección electrónica habilitada ao efecto: ordenanzaurbarnismo@lugo.gal co fin de poder incorporalas, se procede, ao proxecto que se redacte.

“Coñecedores das inquedanzas sectoriais, queremos ser sensibles coas súas necesidades polo que convidamos tanto ás e aos profesionais como á veciñanza en xeral, a participar no proceso para trasladar as súas propostas co fin de enriquecer o documento”, asegurou, para concluír, a concelleira.

Toda a información pode consultarse en en https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/consulta-publica-previa-elaboracion-dunha-ordenanza-municipal-en-materia-de-avaliacion

Noticias relacionadas