Concello, Deputación e veciños organizan actividades saudables no Río Rato para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente

O sábado haberá un encontro e roteiro de bicicletas, unha ruta cardiosaudable e contacontos infantil, e o domingo celebrarase un novo encontro de cociña solar, contacontos infantil e unha charla sobre os usos e posibilidades destes aparellos

Xoves, 02 de xuño de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello, Deputación e veciños organizan actividades saudables no Río Rato para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, a Deputada de Medio Ambiente, Sonsoles López, e o Presidente da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, Jesús Vázquez, presentaron este mércores o programa de actividades saudables que terán lugar esta fin de semana no Río Rato para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente.

Sonsoles López destacou a importancia de organizar este tipo de actividades “que cumpren unha dobre función: ofrecer unha alternativa lúdica e pór en valor as zonas verdes da cidade”. Neste senso, a Deputada destacou a “grande riqueza natural da provincia lucense, onde contamos con 3 das 5 Reservas da Biosfera que hai en Galicia, un valor engadido que debemos aproveitar”.

Miguel Fernández subliñou que “nunha sociedade envellecida, tal e como acontece tanto no Concello de Lugo, onde máis do 20% da poboación é maior de 65 anos, como na provincia, este tipo de actividades axudan a impulsar, e moito, modelos e hábitos de vida non sedentarios”. Neste senso, o edil tamén manifestou a aposta do Concello polo envellecemento activo, capaz de contribuír a mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas, e máis aínda dos maiores.  ”.

Jesús Vázquez agradeceu a colaboración do organismo provincial e do Concello de Lugo neste tipo de iniciativas, “encamiñadas a mellorar a saúde dos veciños da provincia, nun entorno natural e preto á cidade”.

Programación de actividades

Sábado, 4 de xuño

  • Ás 11:00 horas.- Encontro e roteiro de bicicletas: O Centro de Interpretación Terras do Miño será o punto de partida do roteiro de bicis, no que poderán participar persoas de todas as idades
  • De volta, terá lugar unha charla sobre a promoción e uso bicicleta como medio de transporte sostible nas zonas urbanas
  • A continuación haberá o contacontos infantil: “Contar o que se come”
  • Ás 12:00 horas.- Ruta cardiosaudable polo Río Rato: Arrancará fronte á Casa María e Casa Paco. A Federación Veciñal entregará aos participantes camisetas co lema No tempo de lecer camiña con nós!

Os interesados en participar poden anotarse no teléfono 982 227 812.

A ruta ten unha extensión de entre 3,5 e 4 quilómetros, que corresponden ao treito do cinto verde entre a Tolda e a Estrada da Fonsagrada. Durante a xornada, que terá unha duración aproximada de 50 minutos, os participantes estarán acompañados por monitores e distribuiranse augas para combatela deshidratación. Tamén se contará coa presenza de membros de Protección Civil para garantir a seguridade durante a xornada.

5 de xuño

  • Ás 10:00 horas.- Encontro de Cociña Solar: O Centro de Interpretación Terras do Miño celebrará un novo encontro sobre cociña solar, no que os participantes aprenderán como construír un forno solar e poderán degustar comida cociñada a través deste aparello.
  • Ás 12:00 horas.- Contacontos infantil
  • Ás 16:00 horas.- Charla: As posibilidades da cociña solar

Os interesados en participar nestas actividades poden anotarse no teléfono 982 227 812.

Noticias relacionadas