Concello e Telefónica forman a 11 mozos e mozas en ciberseguridade

Lara Méndez, Joan Cruz e Marta Menéndez mantiveron un encontro co alumnado desta actividade, a primeira destas características que desenvolve en Galicia a Fundación Telefónica

Xoves, 18 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Telefónica forman a 11 mozos e mozas en ciberseguridade

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao director de Relacións Institucionais e Coordinación Territorial da Fundación Telefónica, Joan Cruz, e a directora de Telefónica en Galicia, Marta Menéndez; mantiveron un encontro cos 11 mozos e mozas que asisten ao curso de ciberseguridade que ten en marcha, no Edificio de Novas Tecnoloxías, Concello e Telefónica. 

Trátase dun curso presencial que ten como obxectivo que as persoas inscritas adquiran coñecementos e habilidades que lles permitan incorporar as competencias do mundo da ciberseguridade, unha das especializacións técnicas máis demandadas e con máis futuro no mercado laboral actual. É ademais un itinerario formativo nexo de unión entre a demanda real de empresas e o sistema educativo. Inclúe formación teórico-práctica en temas como o hacking ético, técnicas de proteccións para infraestruturas, contramedidas, ...

O curso arrincou a finais de maio e ten lugar en xornada de mañá  no Edificio de Novas Tecnoloxías ata o 8 de novembro. Houbo 126 candidatos para esta actividade en Lugo, a primeira destas características que desenvole Telefónica en Galicia. Actualmente o alumnado, que ademais de Lugo procede de Cariño, Burgos, León ou Coruña, entre outros; está preparando os proxectos grupais finais con empresas.

Con esta actividade, o Concello crea sinerxias con Telefónica contra o desemprego xuvenil, apostando unha vez máis pola creación de emprego no municipio. É tamén unha alternativa máis para o Edificio de Novas Tecnoloxías, que dentro da programación de Tecnoloxíza-T! para o último trimestre, ofrece 7 cursos e titorías tecnolóxicas.

Noticias relacionadas