A declaración da Milagrosa como Contorna de Rehabilitación Programada toma forma co avance dos traballos de campo

O proceso participativo contempla a planificación de mesas sectoriais e o contacto cos centros escolares para implicar á comunidade educativa no desenvolvemento do proxecto.

A campaña informativa realizada espertou o interese da veciñanza que xa solicitou a GAU, adxudicataria do estudo, a visita aos seus domicilios para incluílos na estratexia.

Coa memoria resultante o Concello tratará de acadar fondos europeos para poder actuar con maiores recursos e celeridade, sufragando as reformas dos inmobles pero mellorando, tamén, o espazo público.

A alcaldesa, Lara Méndez, que realiza o seguimento persoal da elaboración da memoria, incide en que a recuperación desta área é un dos obxectivos prioritarios do Executivo.

Venres, 14 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A declaración da Milagrosa como Contorna de Rehabilitación Programada toma forma co avance dos traballos de campo

A declaración da Milagrosa e o barrio Feijoo como Contorna Residencial de Rehabilitación Programada (ERRP) empeza xa a tomar forma co avance dos traballos de campo, iniciados a principios de ano.

Tralas primeiras visitas porta a porta, levadas a cabo o pasado mes aos domicilios – e nas que participou persoalmente a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez - o estudo de arquitectura GAU, adxudicataria das tarefas, continúa a desenvolver os labores que permitirán realizar un diagnóstico fidedigno da situación real destas zonas.

Para a elaboración da memoria, os técnicos están a manter agora os primeiros contactos cos centros escolares do ámbito de actuación co obxectivo de implicar tamén á comunidade educativa na materialización do proxecto, a fin de coñecer as súas necesidades e a percepción que teñen do barrio.

Ao mesmo tempo, se están planificando e organizando diversas mesas sectoriais – previstas xa no deseño do proceso participativo – coa vontade de que as primeiras en ter lugar sexan, posiblemente, as de comercio, hostalaría e o movemento asociativo.

Por outra banda, tanto as cartas enviadas dende a Alcaldía aos domicilios como a cartelería informativa que se instalou nas rúas comeza a dar os seus froitos, de maneira que a iniciativa está espertando interese entre a veciñanza que xa se puxo en contacto con Gau solicitando a súa visita para participar activamente no proceso e poder rehabilitar as súas vivendas.

Precisamente, esta demanda dos particulares para acollerse ao programa fai que os técnicos estean avaliando unha posible redelimitación do ámbito, tendo en conta parámetros obxectivos pero tamén que algunhas solicitudes presentadas son para reformar inmobles que se atopan situados nos límites iniciais previstos.

“Trátase, por tanto, dunha estratexia viva que ten como piar fundamental a implicación da cidadanía de cuxas propostas nos estamos a nutrir para adecuala ás súas necesidades e demandas. Por iso a valoración que podemos facer de como evoluciona a declaración do ERRP é moi positiva en tanto apreciamos que a campaña informativa cualla, que está chegando á poboación residente na contorna e que resulta unha vía de comunicación axeitada para aquelas persoas que teñen verdadeiro interese en mellorar as súas vivendas”, sinalou Lara Méndez.

A rexedora lucense incide en que o proxecto contribuirá a rematar coa degradación urbanística da contorna e incrementará a calidade de vida destes enclaves da capital a través de solucións que melloren as vivendas e edificacións desde un punto de vista da eficiencia enerxética e da confortabilidade pero tamén o espazo público, axudando a dinamizalo e mellorando a convivencia.

“O Plan de Recuperación é unha oportunidade importantísima que queremos aproveitar dende o Concello para poder concorrer a fondos europeos. Isto nos permitirá actuar con maiores recursos e celeridade”, engadiu Lara Méndez, ao tempo que recordou que entre as actuacións a executar, e nas que tamén terán cabida as suxestións que as persoas residentes acheguen durante o proceso, se contemplan tanto accións a título privado para rehabilitar e incrementar a eficiencia enerxética dos inmobles, como a creación dunha senda verde de conexión entre o barrio e o Centro Histórico.

Ademais do labor informativo e das enquisas porta a porta, os traballos se complementarán con reunións coa veciñanza nun traballo intenso de participación cidadá así como con outras accións de difusión que xa contempla esta estratexia do Concello, que serán claves para que “ningunha persoa se quede sen poder actuar na súa vivenda por non ter coñecemento desta oportunidade. A nosa vontade, xa dende o inicio, é ofrecer todas as facilidades posibles e así – cremos – o estamos a facer”, sinalou a alcaldesa.

Toda a información do ERRP da Milagrosa e barrio Feijoo pode consultarse a través do seguinte enlace da web municipal: https://concellodelugo.gal/gl/actuacions/plan-rehabilita-milagrosa-e-barrio-feijoo

Nesta ligazón atópanse, alén de todos os datos relativos ao traballo de campo que se está a realizar, o documento coa enquisa - que xa se pode cubrir e enviar online https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSezFIicPg8YHKMubJW6HKQ6r9_Ab-fni2WZAg0g8H20NcbQcA/viewform - así como o contacto da adxudicataria do proxecto que atenderá calquera dúbida e realizará as aclaracións oportunas.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o avance do ERRP Milagrosa | Descargar mp3

Multimedia

  • A declaración da Milagrosa como Contorna de Rehabilitación Programada toma forma co avance dos traballos de campo

Noticias relacionadas