A Intermodal de Lugo, un paso máis preto de ser realidade trala sinatura, esta mañá, do convenio entre Concello, Xunta e Adif

Foi a rexedora, Lara Méndez, a que, durante o mandato pasado, recuperou para o debate político a necesidade de materializar unha dotación “clave para a chegada da alta velocidade a Lugo e para a nosa competitividade territorial”.

O documento recolle as obrigas económicas que cada parte asumirá por anualidade, dende este ano e até o 2026 cando se agarda que estea concluída a nova Estación de Autobuses.

A Administración local destinará 4.674.865 € á creación dun paso de cidade que conectará Paradai e o Sagrado Corazón e que mellorará a seguridade peonil en toda a contorna.

A alcaldesa abordou tamén co secretario de Estado de Transportes, a situación doutras infraestruturas do municipio como a Rolda Norte.

David Lucas ratificou o compromiso do Goberno Central de seguir afondando na determinación dos espazos a incorporar no Corredor Atlántico de Mercadorías.

Venres, 17 de marzo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Intermodal de Lugo, un paso máis preto de ser realidade trala sinatura, esta mañá, do convenio entre Concello, Xunta e Adif

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a nova área de Transporte Intermodal do municipio.

Unha dotación, cuxa necesidade recuperou para o debate político a propia rexedora durante o mandato pasado “xa que a súa materialización será clave – segundo sinalou Méndez no propio acto – para a chegada da alta velocidade á capital, tendo un papel fundamental na mellora da nosa competitividade territorial neste momento tan decisivo de recuperación económica”.

O documento recolle o compromiso dos tres organismos implicados – ADIF, Xunta e Concello – en termos económicos e por anualidades, segundo as intervencións que contempla.

Así, do conxunto do proxecto, orzamentado en 49.261.696 euros, o Administrador de Infraestruturas Ferroviarias achegará 30.904.849 €, o ente autonómico 13.681.981 € e o Concello de Lugo 4.674.865 €.

Para Lara Méndez “hoxe os e as lucenses estamos de noraboa porque con esta sinatura se inician os procedementos para executar unha dotación que non ten punto de retorno e que será sinónimo de desenvolvemento socieconómico para o munipio e a provincia”, sostivo a rexedora.

Tamén a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou que “a Xunta de Galicia tiña moi claro que Lugo non se podía quedar ao marxe da intermodalidade por iso se deron os pasos necesarios para modernizar unha infraestrutura que será, alén dun nodo de transporte público, un proxecto moito máis amplo que fará cidade”.

Pola súa parte, a presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez, encomiou “o gran resultado final do proxecto, froito dun traballo de coordinación entre tres Administracións que cómpre subliñar”, ao tempo que puxo en valor que “atopamos a mellor fórmula para integrar no espazo da actual estación unha nova dotación adaptada ás necesidades de tráfico e da modernidade que se está acadar coas melloras na liña ferroviaria Ourense – Monforte – Lugo, pero tamén un espazo para a intermodalidade coa estación de autobuses, de maneira que favoreza á mobilidade das e dos lucenses a través do paso urbano”, ao que considerou como o eixe central do proxecto.

A este respecto, a rexedora, Lara Méndez, subliñou que o groso da achega municipal se destinará á creación dese novo paso inferior peonil de uso libre que comunicará o barrio de Paradai e o do Sagrado Corazón, así como á urbanización dos viarios e da contorna inmediata na que se construirá a nova dotación.

A alcaldesa fixo fincapé no carácter transformador que esta actuación terá para ambos os dous barrios que durante tantos anos estiveron illados pola vía do tren.

“Trátase dunha actuación pola que este Executivo apostou dende o principio, debido á relevancia que ten en clave municipal para a seguridade da cidadanía e a integración urbana que posibilita nas zonas que conecta e que finalmente asumiremos o Concello e ADIF ante a negativa da Consellería de Infraestruturas a colaborar na súa financiación”, lembrou Lara Méndez.

A alcaldesa puxo o foco en que “a creación do paso inferior redundará na permeabilidade transversal urbana, mentres que a urbanización e remodelación do viario e os accesos rodados na zona comprendida entre a Praza Conde Fontao, a rúa Alta e o parque do Sagrado Corazón redundarán na seguridade viaria, na fluidez do tráfico pero tamén na accesibilidade de todo o enclave e na mellora dos servizos”.

As arcas municipais sufragarán o 40% do seu custo total que ascende a 11.687.163 euros.

“Os e as lucenses destinaremos, en definitiva, 4.674.865 euros (o Adif contribuirá con 7.012.298 €) a esta obra, asignando unha partida de 701.229 euros este mesmo ano, outra de 3.506.149 € en 2024 e, finalmente, unha terceira de 467.486 euros no 2025”, debullou a rexedora.

A Institución local comprométese, ademais, a impulsar con carácter preferente a tramitación relativa á consecución destes proxectos.

Para o novo paso inferior que conectará ambos lados da canle ferroviaria e, con relación ao tramo que discorra baixo dominio público ferroviario, Adif outorgará unha concesión administrativa, sen custo, en favor do Concello por un período máximo de 75 anos. De xeito que a Administración local aceptará, entre outras obrigas, a conservación e mantemento das infraestruturas resultantes e realizará, igualmente, unha reorganización no transporte urbano para garantir a adecuada conectividade da nova área Intermodal cos principais puntos de interese da cidade, tales como hospitais, centros de saúde, universidades, zonas comerciais, etc...

Antes de rematar, o secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Lucas, co que Méndez acudiu á propia Estación de Tren e abordou o estado doutras infraestruturas lucenses como pode ser a Rolda Norte – unha vía que tamén visitou para estudar a súa mellora - sinalou que “a nova Estación Intermodal mellorará os accesos ferroviarios, posibilitará os viarios a través do autobús e conformará unha mellor cidade pola conexión entre barrios que acadará e pola integración urbana que propicia, á que cómpre engadir á calidade arquitectónica da obra”.

David Lucas incidiu en que a nova estación será moi importante, “non só polo fin que persegue, senón tamén pola colaboración das Administracións que cando é efectiva, coma neste caso, consegue grandes resultados e a de Lugo é un exemplo”.

Igualmente, o secretario de Estado, ratificou o compromiso do Goberno Central de seguir afondando coa Comisión Europea na determinación dos espazos que sexa posible incorporar dentro do Corredor Atlántico de Mercadorías, para que Lugo non quede fóra desta rede comercial.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a sinatura do Convenio Intermodal | Descargar mp3
  • O secretario de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, David Luca, sobre a sinatura do Convenio Intermodal | Descargar mp3
  • A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, sobre a sinatura do Convenio Intermodal | Descargar mp3
  • A presidenta do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias, María Luisa Domínguez, sobre a sinatura do Convenio Intermodal | Descargar mp3

Multimedia

  • A Intermodal de Lugo, un paso máis preto de ser realidade trala sinatura, esta mañá, do convenio entre Concello, Xunta e Adif
  • A Intermodal de Lugo, un paso máis preto de ser realidade trala sinatura, esta mañá, do convenio entre Concello, Xunta e Adif

Noticias relacionadas