Lara Méndez acorda un incremento dos dispositivos coordinados de vixilancia da Policía Local e Nacional contra a ocupación ilegal

A alcaldesa planificou coa Subdelegación do Goberno e ambos os dous responsables policiais os próximos operativos, co obxectivo de atallar a conflitividade social.

O encontro enmárcase nas reunións periódicas que a rexedora mantén coas Institucións e Corpos de Seguridade do municipio de forma ordinaria.

A día de hoxe só constan 3 denuncias contra esta práctica, polo que Méndez insta ás e aos propietarios a presentar denuncia para poder actuar xudicialmente.

A maior parte dos casos de ocupación rexistrados responden a situacións de vulnerabilidade e non de delincuencia, polo que o Executivo local apremia á Xunta a incrementar o número de vivendas de protección oficial.

Martes, 22 de novembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez acorda un incremento dos dispositivos coordinados de vixilancia da Policía Local e Nacional contra a ocupación ilegal

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, dispuxo hoxe coa Subdelegación do Goberno o incremento dos dispositivos coordinados de vixilancia para disuadir e atallar as ocupacións ilegais de vivendas na cidade.

A rexedora mantiña un novo encontro esta mañá con Isabel Rodríguez e os responsables da Policía Local e Nacional para planificar os operativos “cos que pretendemos atallar a conflitividade social que algúns destes casos están xerando na capital e nos que a entrada nos inmobles está relacionada directamente co tráfico de drogas”, explicou Méndez.

A alcaldesa referiu que a Administración municipal está actuando xa “con intervencións permanentes, das que cada semana facemos un seguimento nas xuntanzas que manteño todos os martes co Intendente Jesús Piñeiro, como máxima responsable da Policía Local. Trátase de accións que se realizan de forma programada co resto de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado para darlles apoio e que abordamos periodicamente con encontros como o mantido esta mañá, alén de que ante circunstancias ou eventos especiais, poidamos convocar ademais á Xunta Local de Seguridade”, apuntou Lara Méndez.

A rexedora reiterouse de forma contundente. “O Concello está actuando xa, con operacións que contribúen a garantir a protección da veciñanza nas zonas nas que se reproduce con maior frecuencia esta problemática pero cómpre que os afectados poñan en coñecemento da xustiza todos e cada un destes casos porque a súa denuncia é fundamental e resulta indispensable para poder iniciar a tramitación legal do desafiuzamento. E, lamentablemente, nestes momentos, só 3 titulares denunciaron unha situación de ocupación ilegal na cidade impedindo, no resto dos casos, que se poida actuar contra eles xudicialmente”.

A alcaldesa quixo trasladar tamén unha mensaxe de tranquilidade á poboación, incidindo no feito de que Lugo mantén un dos índices máis baixos de inseguridade de toda Galicia e referiu que a maior parte dos casos de ocupación que se rexistran obedecen a situacións de vulnerabilidade e non de delicuencia como pode ser o caso que afecta actualmente á Milagrosa.

“Levamos máis dunha década de atraso na creación de vivenda pública de protección oficial na cidade que palíe todas estas carencias e que teña capacidade de atender a demanda que existe e que afecta a familias enteiras, con menores ao seu cargo. Dúas materias nas que a Xunta mantén a titularidade. Polo tanto non resulta prudente, nin responsable, nin ético sequera, empregar o medo da cidadanía como ferramenta política, especialmente no caso daquelas persoas que aspiran a gobernar un Concello pero dirixen ou integran Institucións que teñen competencias ao respecto e non as exercen”, lamentou Lara Méndez.

“Cómpre ter maior altura de miras e deixar de xerar temor entre a poboación, buscando a crispación en lugar de ser parte da solución. Solución que tamén lles corresponde achegar, o mesmo que o Concello está a brindar todo o apoio posible en materia de supervisión policial para complementar as tarefas de seguridade e investigación que leva a cabo o Corpo Nacional; en materia asistencial, coa concesión de axudas de emerxencia social e de alternativas habitacionais e, incluso, promovendo a rexeneración das contornas urbanas como estamos a facer a través do estudo para favorecer a Rehabilitación Programada desta zona e do barrio Feijoo”, lembrou a rexedora.

Méndez reafirmou a súa disposición a reunirse coa veciñanza destes barrios, “á que a Policía Local mantén informada dos pasos que se van dando para frear a problemática que lles afecta”, ao tempo que amosou o seu compromiso de traballar man a man cos coletivos cidadáns para avanzar na reforma lexislativa a través dunha ILP.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a atención á okupación | Descargar mp3

Noticias relacionadas