Lara Méndez anuncia a acción coordinada das cidades do Eixo Atlántico para acoller e asistir aos refuxiados de Ucraína

A alcaldesa de Lugo e presidenta da entidade transfronteiriza avanza que xa son 21 os municipios de Galicia e Portugal que amosaron a vontade de abrir as súas portas.

Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo, sostivo que “pedimos tamén ás nosas cidades que nos foros nos que participen fagan unha chamada á solidariedade doutros municipios”.

Lugo activou xa desde á area de Benestar Social a planificación de acollida, que incluirá os pisos de emerxencia social que ten o Concello e a posibilidade de alugar máis.

Mércores, 02 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a acción coordinada das cidades do Eixo Atlántico para acoller e asistir aos refuxiados de Ucraína

O alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, anunciou hoxe, conxuntamente co secretario xeral da entidade transfronteiriza, Xoán Vázquez Mao, a acción coordinada que desenvolverán as cidades de Galicia e Portugal do Eixo para acoller refuxiados ucraínos que foxen do seu país en guerra. Xa son 21 os municipios que se sumaron, Lugo incluído, a esta resposta conxunta, aínda que se prevé que se sumen máis administracións locais.

Méndez, que lamentou que fallasen as vías diplomáticas e pacíficas para dar unha resposta dialogada ao conflito Rusia-Ucraína, sostivo que “debemos defender sempre con firmeza a paz, a seguridade, a democracia e a liberdade”.

Segundo avanzou, “a rapidez coa que se están sucedendo os acontecementos, que afectan principalmente a poboación civil, a intolerable acción de Rusia e o elevado número de persoas, máis de medio millón, que están intentado saír de Ucraína en menos dunha semana de conflito, fai necesario que as cidades europeas respondamos para evitar o colapso dos servizos nos países limítrofes que se están prestando a iso”.

Desde o Eixo Atlántico, segundo anunciou a súa Presidenta, contactarase hoxe mesmo coas embaixadas de Ucraína, en Portugal e en Galicia, así como co Presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, e o Primeiro Ministro de Portugal, António Costa, para trasladarlles a disposición das cidades con capacidade para acoller refuxiados.

Méndez indicou que os concellos actuarán cada un na medida das súas posibilidades, e que “será clave tamén a colaboración interadministrativa tanto co Goberno central como coa Xunta de Galicia para dar unha resposta integral ás necesidades dos refuxiados xa que a sanidade e o ensino non entra xa nas nosas competencias”. Así mesmo, destacou a necesidade de articular mecanismos de apoio coas entidades da sociedade civil.

Neste senso, explicou Vázquez Mao, tamén “pedimos ás nosas cidades que en todos os foros nos que participen fagan unha chamada á solidariedade doutros municipios e da cidadanía co fin de concienciar na necesidade de actuar dunha maneira coordinada”.

Situación de Lugo

Méndez anunciou que Lugo activou xa desde á area de Benestar Social a planificación de acollida, que incluirá os pisos de emerxencia social que ten o Concello, deixando a porta aberta á posibilidade de alugar máis, así como o contacto directo e permanente para traballar man a man con colectivos sociais como Accem ou Cruz Vermella na integración social e laboral dos refuxiados.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o conflito de Rusia-Ucraína (I) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o conflito de Rusia-Ucraína (II) | Descargar mp3
  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o conflito de Rusia-Ucraína (III) | Descargar mp3

Noticias relacionadas