Lara Méndez supervisa as obras do novo paso inferior da N-VI, que avanza coa colocación das vigas sobre as que se executará o taboleiro

Actualmente, xa se executaron os dous estribos, encheuse o trasdós dos muros con material seleccionado e formigonáronse as vigas cargadeiro.

Lara Méndez: “A previsión é que de cara a finais de xuño se poida restablecer o tráfico pola nacional e, deste xeito, suprimir o desvío que se habilitou de forma provisional”.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada ao 80% polo FEDER, que busca unha nova mobilidade sustentable e unha mellor conexión da cidade co río.

Mércores, 25 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez supervisa as obras do novo paso inferior da N-VI, que avanza coa colocación das vigas sobre as que se executará o taboleiro

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou este mércores as obras do novo paso inferior baixo a estrada Nacional VI, que avanzan a bo ritmo coa colocación, ao longo do día de hoxe, das vigas sobre as que se executará a laxa do taboleiro.

Deste xeito, segundo explico a rexedora “a previsión é que de cara a finais do mes que vén se poida restablecer o tráfico pola nacional, no seu traxecto habitual, e suprimir así o desvío que se habilitou provisionalmente para levar a cabo a demolición da estructura existente e a execución da nova, que duplica as dimensións orixais”.

Actualmente, xa se executaron os dous estribos, encheuse o trasdós dos dous muros con material seleccionado e formigonáronse as vigas cargadeiro. Sobre o novo taboleiro nos vindeiros días esparcirase material para a formación da chaira da estrada nacional, de modo que se poida habilitar o tráfico por encima da nova estrutura.

Finalmente, executaranse as sendas peonís, repoñerase a iluminación e servizos na N-VI e tamén se reporá o valado, que se levará a cabo coa mesma tipoloxía de peche que o existente, consistente en malla de simple torsión sobre pés dereitos separados 4m entre si.

Lara Méndez lembrou que “o obxectivo destas obras, que contan cun orzamento de 865.000 euros, é mellorar as condicións deste itinerario peonil, que será apto tamén para o uso de bicicletas, ao tempo que melloramos as conexións dende a trama urbana da cidade coa zona fluvial do Miño, apostando por unha nova mobilidade máis sostible, con novas infraestruturas e dotacións, como a nova pasarela, recentemente inaugurada, que reduzan o uso do vehículo particular, e polo tanto as emisións de gases contaminantes”.

Características do novo paso

As obras permitirán a execución dunha nova estrutura de paso, cun gálibo horizontal e vertical máis amplos, o que diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero. Neste senso, dobrarase a anchura, pois dos 4,5 metros orixinais pasará a 8, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros cos que contaba a estrutura (nos extremos) a 5,3 metros.

Por outra banda, o proxecto tamén contempla a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse charcos e zonas de barro.

Para evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios, levarase a cabo a súa pavimentación, que será adecuada ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos. Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra para integrarse na contorna.

O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para a súa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.

En canto á iluminación, na senda peonil proxéctanse luminarias LED de 50 w sobre báculos de 4,0 m de altura encostados ao carón do camiño e cunha distancia entre os mesmos de 20 metros. Respecto ao paso inferior, cunhas dimensións de 8 x 5 metros e unha lonxitude de só 12 metros, exponse a súa iluminación mediante dous proxectores en disposición cenital centrada, cunha distancia entre eles de 6 metros e equidistantes das saídas.

A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e cuxo principal obxectivo é integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.

Noticias relacionadas