Lugo dispón de 3,5 millóns para actuacións en favor dun urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal

A Unión Europea vén de conceder ao Concello o programa Lugo+Biodinámico, financiado a través do plan LIFE. Na iniciativa colaboran con recursos económicos e de coñecemento a Deputación e a USC

“Queremos un modelo de cidade verde e sostible, cun urbanismo ao servizo das persoas, para mellorar a súa calidade de vida e impulsar o crecemento económico. Iso é o que conseguirá este programa”, subliñou a Alcaldesa

Inclúe o deseño dunha planificación urbanística sostible e accións para fomentar o uso da madeira como material constructivo co obxectivo de reducir a emisión de dióxido de carbono e potenciar o sector forestal

Venres, 20 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo dispón de 3,5 millóns para actuacións en favor dun urbanismo sostible e un mellor aproveitamento forestal

A Alcaldesa, Lara Méndez, informou este venres de que a Unión Europea vén de conceder ao Concello o programa Lugo+Biodinámico, financiado ao 50% con fondos do plan LIFE –o plan europeo de Medio Ambiente e Acción polo Clima-. Deste xeito, Lugo disporá de máis de 3,5 millóns de euros para desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que “mellorará a calidade de vida dos veciños, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural constructivo”, explicou Méndez.

A rexedora deu a coñecer a iniciativa acompañada de Daniel Piñeiro, Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, quen coordinará a execución das actuacións; Sonsoles López Izquierdo, Deputada provincial de Medio Ambiente; e Antonio Rigueiro, Catedrático da USC na Escola Politécnica de Lugo, representantes das institucións que “xogaron un papel fundamental para que Lugo conte hoxe cun proxecto LIFE”, sinalou Lara Méndez. Tamén participaron na presentación dous técnicos da empresa pública municipal Evislusa, Benigno Jáuregui e Susana Penedo, que forman parte do equipo promotor e redactor da candidatura.

Un éxito da colaboración entre administracións

Lugo+Biodinámico “é un novo éxito da colaboración entre administracións. Demostra que as sinerxias axudan a captar investimentos que benefician directamente Aos veciños”, subliñou a Alcaldesa, quen asegurou que os datos avalan que “xuntos fixemos un gran traballo”. De feito, tal e como apuntou, das 1.200 propostas presentadas, só se aprobaron 26 en toda Europa. A de Lugo foi a única de toda España, xunto coa da Xunta de Andalucía.

Orzamento

O proxecto conta un orzamento de 3.588.552 euros, dos que a Unión Europea achega a metade, 1,7 millóns, o Concello 541.340 euros e a Deputación 526.220 euros, mentres a contribución da Universidade de Santiago, como da Politécnica de Madrid consiste na aportación de persoal, traballo e coñecemento, avaliados economicamente en 728.000 euros.

Pulo á acción de goberno

Este “ambicioso proxecto medioambiental permitiranos dar un pulo moi importante á nosa acción de goberno, pois encaixa á perfección na filosofía de traballo e xestión municipal que temos plantexada”, explicou a Alcaldesa. De feito, o novo Goberno decidiu crear a área municipal de Desenvolvemento Sostible porque “queremos un crecemento equilibrado e racional do noso concello, apostamos por un modelo de cidade verde e sostible”. “Cremos que o urbanismo é un instrumento, unha ciencia, viva e dinámica, ao servizo das persoas, para mellorar a súa calidade de vida e impulsar o crecemento económico. E iso é precisamente o que conseguirá Lugo+Biodinámico”.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible destacou que este é o froito “do traballo de moita xente”, á cal expresou o seu agradecemento, en especial aos traballadores municipais que tomaron parte na iniciativa. “Para nós é un reto levar a cabo as actuacións contempladas e a propia filosofía do proxecto: demostrar que se pode mitigar a contaminación e o cambio climático a través de accións humanas, que non só son contaminantes, senón que tamén poden ser sostibles”, sinalou Daniel Piñeiro, quen incidiu na parte de “concienciación social” que leva consigo este programa.

Pola súa banda, a Deputada de Medio Ambiente subliñou que a institución provincial “non podía menos que participar nun proxecto tan ambicioso coma este, pois enmárcase na liña de desenvolvemento urbano respectuoso co medio ambiente que iniciou hai oito anos José Ramón Gómez Besteiro dende a Deputación de Lugo”. Esta iniciativa “traerá moita riqueza á provincia, e vamos ser referencia en moitas partes de España e de Europa”, asegurou.

O catedrático Antonio Rigueiro agradeceu ao Concello a oportunidade que lle ofreceu ao Campus lucense, o Campus Terra, de participar en Lugo+Biodinámico, e explicou as accións nas que a USC achegará recursos humanos e coñecemento. Están dirixidas a impulsar o aproveitamento da madeira como elemento estrutural construtivo e á producción enerxética, e a potenciar as zonas verdes da cidade para mellorar aspectos paisaxísticos e reducir as emisións de dióxido de carbono.

Un modelo a estender

O proxecto, que comezará a executarse en xaneiro de 2016 e se desenvolverá ata mediados do 2020, pretende deseñar e implantar a escala en dúas zonas do norte de Lugo -entre os polígonos das Gándaras e o Ceao, e no entorno de Duquesa de Lugo- un modelo urbanístico e medioambiental sostible, que serva de referencia e se poida estender a outros lugares da provincia e do resto de Galicia, e mesmo de España.

Ten dous piares. Por un lado, fomentar a utilización da madeira como material de construción para reducir a emisión de dióxido de carbono e mitigar deste xeito os efectos do cambio climático, e impulsar ao mesmo tempo o sector forestal, tanto a nivel dos productores, pois ábrense novas saídas para o produto e increméntase o seu valor engadido, como da industria da madeira. O outro piar consiste en impulsar unha planificación urbanística sostible.

As accións de Lugo+Biodinámico

As actuacións fundamentais incluídas no proxecto son as seguintes:

I. Accións demostrativas. Desenvolveranse en 18,6 hectáreas situadas entre os polígonos das Gándaras e o Ceao

  • Creación dunha parcela de selvicultura de frondosas, fundamentalmente de catro especies autóctonas -carballo, pradairo, cerdeira e freixo-, para a produción de madeira de alta calidade
  • Acondicionamento dunha parcela de cultivos para producir biocombustibles de elevada eficiencia enerxética, que abastecerán ao edificio bioclimático de madeira que tamén se proxecta neste plan
  • Plantación dun souto con variedades de castiñeiro tradicionais
  • Recuperación e posta en valor dun bosque de ribeira de 5 hectáreas 
  • Construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, que se chamará Impulso Verde e que acollerá o centro de referencia de formación e divulgación da acción polo clima

II. Accións de urbanismo sostible

  • Planificación urbanística dun barrio ecolóxico nunha superficie de 20 hectáreas situada a ambas marxes de Duquesa de Lugo, que incorporará dous sectores de solo urbanizable onde se desenvolverá unha zona de vivendas, conformando un espazo denominado de confort climático
  • Deseño dun catálogo de solucións de deseño urbano que contribúan a frear o cambio climático
  • Implantación dun plan estratéxico de infraestruturas ecolóxicas para aplicar no futuro desenvolvemento da cidade

Audio

Noticias relacionadas