Lugo será pioneiro en Galicia instalando 50 colectores de aceite nos barrios que purificarán o aire na mesma proporción que 500 árbores

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, estivo no Sagrado Corazón onde se inicia a colocación destes recipientes, que superarán o centenar entre a zona urbana e rural.

Mandaranse comunicacións ás asociacións, comunidades de veciños e grandes xeradores de aceite para brindarlles a oportunidade de adherirse a LuceLugo recibindo un colector.

O aceite reciclado será reutilizado para a fabricación de biodiésel, un biocarburante con baixas emisións de CO2.

Venres, 13 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo será pioneiro en Galicia instalando 50 colectores de aceite nos barrios que purificarán o aire na mesma proporción que 500 árbores

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, así como responsables da empresa EcoLugo, achegáronse hoxe ata o Sagrado Corazón, o barrio onde LuceLugo - o novo servizo de limpeza e recollida de lixo- comezou a instalar os colectores de aceite doméstico nas rúas da cidade.

En total, se colocarán medio centenar de recipientes na zona urbana de 240 litros de capacidade, que quedarán listos nas vindeiras semanas. Os primeiros se ubicarán nas contornas próximas aos centros escolares. Está previsto que no mes de marzo se instale outro medio centenar nas parroquias do rural, segundo avanzou a rexedora.

Méndez informou que “Lugo é a primeira cidade de Galicia que dispón de colectores aos que se lle aplica un recubrimento especial chamado PurifAir, que limpa o aire dos contaminantes habituais na atmósfera contribuíndo a eliminar a contaminación no ambiente ate un 70%, seguindo a liña de acadar ese municipio máis sostible e sa para a cidadanía na que estamos a traballar desde o mandato pasado ”.  

Neste senso, destacou que cada unidade mitiga a contaminación anual dun coche e purifica o aire na mesma proporción que o farían 10 árbores, polo que, en total, todos os que se instalen na zona urbana suporán a acción de 500 novos árbores, que se duplicará cos colectores que se instalen no rural. “A sostibilidade forma parte de toda a nosa acción de Goberno, e a innovación na mellora medioambiental e en termos de saúde é para nós prioritario”.

A alcaldesa explicou que, a maiores destes colectores, o Concello porase en contacto con asociacións, comunidades de veciños e grandes xeradores de aceite para “animalos a reciclar o aceite doméstico e facilitarlles un recipiente”.

Os novos colectores están dotados de sistema antivandalismo que impide a apertura e extracción do material. Só débese depositar aceite usado de cociña e non aceites de motor, e sempre dentro dunha botella de plástico ben pechada, preferiblemente transparente. É conveniente evitar o cristal, que podería romper ao precipitarse ao interior.

A alcaldesa e o concelleiro de Medio Ambiente animaron a utilizar este novo recurso, lembrando que unha familia de catro membros é capaz de xerar ata 250 litros de aceite usado ao ano, e que un litro de aceite botado polo fregadero contamina ata 1.000 litros de auga, “o equivalente ao que bebería unha persoa nun ano e 3 meses” pero, ademais, supón atascos e malos cheiros nas tubaxes de saneamento, dificultando tamén o funcionamento das depuradores.

O aceite reciclado será reutilizado para a fabricación de biodiésel, un biocarburante con baixas emisións de CO2. Por cada litro de aceite tratado obtense case un litro de biodiésel. A empresa PMA (Protección Medio Ambiental) será a encargada da recollida do aceite.

De maneira paralela, o Concello continua coa campaña informativa posta en marcha pola Concellería de Medio Ambiente, que inclúe o reparto gratuíto de 5.600 embudes. 

Audio

 

Noticias relacionadas