Lugo, unha das doce cidades elixidas de toda España para explicar a súa estratexia de municipio sostible no Senado

A alcaldesa, Lara Méndez, presentará as liñas do seu modelo de cidade na mesa das urbes de entre 50.000 y 250.000 habitantes, que compartirá con Vitoria, Cáceres e Toledo.

A capital lucense é a única galega que terá presenza nunha xornada impulsada por catro ministerios para o intercambio de iniciativas que buscan á neutralidade climática.

A rexedora destaca a importancia para a proxección de Lugo “porque a sostibilidade é un obxectivo urbanístico pero tamén de impulso económico e de creación de emprego”

A iniciativa enmárcase na misión ‘100 cidades climáticamente neutrais en Europa antes de 2030, por e para a cidadanía‘, definidas no 2020 pola Comisión e o Parlamento Europeo.

Sábado, 04 de setembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lugo, unha das doce cidades elixidas de toda España para explicar a súa estratexia de municipio sostible no Senado

Lugo é a única cidade galega que terá presenza no Senado para explicar a súa estratexia de cidade sostible, impulsada por Lara Méndez no mandato pasado, e farao na xornada ‘As urbes españolas ante o reto da neutralidade climática’, que se celebrará o vindeiro mércores, día 8.

Para participar nesta xornada, impulsada polos Ministerios de Transportes, Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Ciencia e Innovación e Dereitos Sociais e Axenda 2020, foron elixidas 12 cidades de toda España co fin de recoñecer, compartir e apoiar o esforzo dos municipios que están a afrontar os desafíos que supón avanzar cara á sustentabilidade urbana e a neutralidade climática.

Outros dos obxectivos é facilitar o intercambio de iniciativas, dificultades, experiencias e proxectos dos distintos municipios á hora de afrontar os desafíos que supón avanzar cara á sustentabilidade urbana e a neutralidade climática.

A alcaldesa presentará as liñas do modelo de cidade verde no que se está a traballar e as accións que se están a desenvolver na loita contra o cambio climático na mesa dos territorios de entre 50.000 e 250.000 habitantes, que compartirá cos rexedores de Vitoria, Cáceres e Toledo, e que presidirá a Ministra de Dereitos Sociais e Axenda 2020, Ione Belarra.

Lara Méndez agradece que a cidade fose seleccionada para esa xornada e destaca a importancia que ten para a proxección de Lugo “nun momento no que a sostibilidade non só é o obxectivo da nosa transformación urbanística e de mobilidade, senón tamén unha das claves da nosa recuperación económica, onde estamos a desenvolver a Estratexia Lugo Transforma co maior investimento que realizou este Concello na súa historia, 12 millóns de euros, para a súa diversificación industrial, atraer empresas e crear emprego de alto impacto social e medioambiental, acorde co modelo de cidade que queremos para Lugo”.

A xornada enmárcase no marco da misión ‘100 cidades climáticamente neutrais en Europa antes de 2030, por e para a cidadanía’, que é unha das cinco definidas no 2020 pola Comisión Europea e o Parlamento Europeo para orientar o programa de investigación da UE para 2021-2027 ‘Horizonte Europa’.

Esta Misión Europea pretende apoiar a transformación desas cidades para acelerar o cumprimento do Acordo de París e a Axenda 2030 e constituírse tanto nun elemento catalizador do Pacto Verde Europeo como nun demostrador de que é posible a neutralidade climática antes do 2050.

Outros concellos

Na mesa de urbes  de menos de 50.000 habitantes estarán presentes os alcaldes de Teruel, Arnedo, Soria e Níjar, e de máis de 250.000, Madrid, Barcelona, Sevilla e Valencia. Estas mesas estarán presididas polas ministras de Transportes, Raquel Sánchez, e de Ciencia e Innovació, Diana Morant,. A clausura correrá a cargo da ministra Teresa Ribera.

Noticias relacionadas