Medio Ambiente mantén cortada a auga nas fontes públicas da cidade para evitar a propagación do covid

Venres, 28 de agosto de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente mantén cortada a auga nas fontes públicas da cidade para evitar a propagación do covid

O edil Álvaro Santos fai un chamamento á colaboración cidadá solicitando á veciñanza que non retire dos mananciais os carteis que desaconsellan o seu consumo.

O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, lembraba hoxe á poboación que o servizo de mantemento e conservación de parques mantén sen subministración as fontes conectadas á traída pública, evitando así que estas se convertan nun foco de contaxio do covid debido á súa manipulación.

“En total falamos de preto dun cento de mananciais nos que, sendo potables e cumprindo todos os requisitos de salubridade, se cortou a auga para disuadir da súa utilización. Unicamente permanecen habilitados aqueles que se atopan dentro dos canís municipais para consumo dos animais cando acoden a estes recintos”, sinalou o concelleiro ao tempo que aproveitou para facer un chamamento á colaboración cidadá solicitando á veciñanza que non quite os carteis, instalados polo Concello nas propias fontes, ao carón da billa, desaconsellando o contacto directo coas mesmas.

“Trátase de información de servizo, que cumpre un importante labor de divulgación xa que contén indicacións de saúde pública polo que rogamos ás e aos lucenses que actúen con responsabilidade e, ademais de ter en conta e respectar as instrucións que conteñen, pola súa seguridade propia e a de quen os rodea, non os danen nin os retiren”, concluíu o concelleiro.

Audio

 

Noticias relacionadas