Medio Ambiente mellorará a zona axardinada da rúa Gallego Tato

O edil Álvaro Santos explica que a intervención, que ronda os 5.000 euros, inclúe a renovación completa do pavimento e a instalación de novo mobiliario urbano

Xoves, 21 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Medio Ambiente mellorará a zona axardinada da rúa Gallego Tato

O edil de Medio Ambiente anunciaba hoxe importantes melloras para o xardín situado ao carón do parque infantil Gallego Tato.

A intervención, según sinalou Álvaro Santos, ten por obxecto reparar os danos que sofren as instalacións, debido á gran afluencia de usuarios que o frecuenta, e acondicionalas para o desfrute da cidadanía.

“Logo de visitar o recinto para avaliar o seu grao de deterioro, puidemos comprobar que toda a superficie se atopa en mal estado o que recomenda a renovación completa do firme. Ademais procederemos á substitución do mobiliario urbano, como bancos e papeleiras, tamén moi envellecidas polo uso e pola climatoloxía”, explicou o concelleiro.

Santos Ramos indicou que o investimento nesta actuación, comprometida polo goberno de Lara Méndez coa veciñanza, alcanza os 5.000 euros.

“Falamos dun espazo de lecer e descanso moi apreciado entre os residentes da Piringalla, especialmente a de maior idade; no que se propicia unha verdadeira convivencia interxeracional, por atoparse nas proximidades dunha zona de xogos. Polo que, dende o goberno, consideramos urxente e necesario rehabilitalo canto antes tendo en conta a súa funcionalidade e o papel dinamizador que exerce”, subliña o segundo tenente de alcaldesa.

Nos últimos meses o goberno de Lara Méndez levou a cabo outras actuacións na contorna como o incremento do alumeado, a mellora da drenaxe do parque e o repintado da sinalización viaria, entre a que se inclúe a colocación de pasos de peóns con luces led, así como o calmado do tráfico nas inmediacións dos centros educativos que se atopan nesta parte da capital.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos, sobre as melloras na rúa Gallego Tato | Descargar mp3

Noticias relacionadas