O barrio multiecolóxico de Lugo contempla 1.200 vivendas e espazos verdes e libres que multiplican por cinco a superficie fixada no PXOM

A alcaldesa, Lara Méndez, presentou os criterios para a planificación deste barrio pioneiro en España, con medidas encamiñadas a loitar contra o cambio climático.

O 45% das vivendas serán públicas, xa que un dos fins e articular políticas de vivenda municipais para atender as necesidades da veciñanza.

A rexedora sostén que o futuro “está na mans das cidades que integren o verde urbano, a enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada e a economía circular”.

O presidente da Deputación e o director de Pemade destacan o gran potencial que ten este programa para o sector forestal e da madeira na provincia e en Galicia.

Mércores, 24 de xullo de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O barrio multiecolóxico de Lugo contempla 1.200 vivendas e espazos verdes e libres que multiplican por cinco a superficie fixada no PXOM

A alcaldesa de Lugo presentou hoxe as as liñas e criterios que serán a base do barrio multiecolóxico de Lugo, o primeiro de España, que se desenvolverá para mellorar o benestar dos lucenses pero tamén co obxectivo de ser un exemplo de planificación que poida ser exportable a outras cidades medias europeas.

Acompañada polo presidente da Deputación, á deputada Pilar Porto, e a Manuel Guaita, director de Pemade e catedrático do Campus Terra, a rexedora sostivo que “o cambio climático obríganos aos municipios a adaptarnos ante os seus efectos, iso é o que nos di Europa. Pero para nós, desde hai anos, é unha convicción de Goberno xa que cremos que o futuro está na man das  cidades que saiban integrar o verde urbano, a produción de enerxía renovable, a eficiencia enerxética, a mobilidade menos motorizada ou a economía circular nunha estratexia territorial de adaptación a este cambio climático”.

Este reto visto como unha oportunidade é a base do barrio multiecolóxico, impulsado desde o Concello de Lugo en colaboración coa Deputación de Lugo e o Campus Terra e a Universidade Politécnica de Madrid coas súas investigacións sobre o uso da madeira como material estrutural da construción destas cidades de futuro. “E, desde logo, nos acompaña Europa a través das estratexias LIFE que mira para Lugo e para as ferramentas que estamos a pór en marcha na creación de cidades resilientes con gran expectación”, argumentou Lara Méndez.

O presidente da Deputación, José Tomé, felicitou ao Concello polo proxecto “que sitúa a Lugo na vangarda” e destacou a implicación da Deputación no mesmo, incidindo especialmente no potencial económico para a provincia do uso da madeira como material estrutural da construción. Pola súa banda, Manuel Guaita falou da importancia de integrar a gran riqueza de Galicia, o sector forestal, neste proxecto. “Sinto moito orgullo como galego e lucense, e moita felicidade por ver como se converten en realidade as investigacións da Universidade. E sinto moito felicidade polo avance que supón este tipo de iniciativas polo futuro da humanidade, polo futuros dos nosos netos”.

O novo barrio, que se desenvolverá en dous sectores na zona de A Garaballa, busca asegurar unha estratexia territorial integrada, garantir a inclusión e a equidade social e interxeracional e conformar unha oferta de vivenda para todos, así como promover a saúde e o benestar. Pero tamén estimular o crecemento da economía verde e circular, comezando por impulsar o sector madereiro usando a madeira como elemento estrutural da construción, fomentar a produción e  consumo sostibles e mitigar o cambio climático.

Planificado para 1.200 vivendas,  o barrio parte dunha densidade de poboación baixa, seguindo as estratexias de crecemento sostible. Destas, o 45% serán públicas, “co fin de que o Concello, aínda que non ten as competencias, desenvolverá políticas públicas para atender as necesidades de vivenda da veciñanza”.

Esta porcentaxe é superior as estándares, así como o son zonas verdes e espazos libres previstos, de 147.000 m2, que suporán cinco veces máis da superficie fixada no PXOM, así como a superficie destina a equipamentos, de 30.000 m2, que duplica o previsto no Plan Xeral.

No deseño das edificacións, esixirase a inclusión de criterios bioclimáticos e de eficiencia enerxética.

Estes criterios se recollen na proposta gañadora do concurso, a UTE Avento-Proy, coa que agora o Concello traballará man a man durante 8 meses para presentar para súa tramitación o instrumento de planificación co que se desenvolverá este barrio.

Neste barrio tamén se levantará o Edificio Impulso Verde, que será o primeiro edificio público que se constrúa en madeira galega e no que se aplicará o catálogo de medidas sostibles que prepara o Concello de Lugo da man da Universidade.

Proposta gañadora

A proposta da UTE Avento-Proyfe (gañadora da licitación) obtivo, a xuízo do comité de expertos,  a maior puntuación en todos os criterios avaliados.

Dita proposta foi a máis orixinal, a que ofreceu máis posibilidades e diversidades de usos nunha proxección de futuro, así como unha maior versatilidade e adaptación á realidade física. Ademais,  destacou no detalle das actuacións propostas, no número de propostas realizadas e na súa adaptación específica á área e ámbitos a tratar.

Algunhas das características do barrio multiecolóxico.

  • 1) O barrio adáptarase ao terreo natural para utilizar de forma racional o territorio e os recursos naturais. Garántese, por tanto, a compatibilidade entre crecemento, desenvolvemento e progreso económico e a preservación do medio ambiente e dos valores paisaxísticos, culturais, históricos e etnográficos dese territorio, a fin de asegurar a calidade de vida da poboación actual e das xeracións futuras.
  • 2) Para a confortabilidade e seguridade dos cidadáns, controlaranse as variables da contorna como elementos crave da habitabilidade: temperatura, sombras, paisaxe sonora, volume verde, diversidade urbana ou inmisión contaminante.
  • 3) Fomentarase o uso de materiais, produtos e tecnoloxías limpas que reduzan as emisións contaminantes e de gases de efecto invernadoiro do sector da construción, así como de materiais reutilizados e reciclaxes que contribúan a mellorar a eficiencia no uso dos recursos.

Insistirase no o uso de madeira como elemento estrutural da construción dos edificios no canto doutros materiais como o aceiro ou o formigón para reducir o impacto ambiental.

  • 4) Na organización dos espazos, buscarase crear unha ‘aldea urbana’ que proporcione á veciños vivenda, transporte, instalacións e servizos recreativos e comunitarios, espazos públicos e pequenos comercios. Desta maneira, créase un abanico amplo de usos no barrio.
  • 5) Perséguese alcanzar o máximo nivel de autosuficiencia para obter un sistema neutro en carbono apostando pola xeración de enerxía renovable.

Crearanse redes de calor urbanas onde se aproveitará a biomasa da zona para abastecer a central de biogás, que será o ‘quentador do barrio’.

O fin é priorizar as enerxías renovables fronte á utilización de fontes de enerxía fósil e combater a pobreza enerxética, fomentando o aforro enerxético e o uso eficiente dos recursos e da enerxía, preferentemente de xeración propia.

  • 6) Buscarase a máxima autosuficiencia hídrica que combine tamén as medidas de captación coas medidas de aforro e eficiencia.
  • 7) Incorporarase na edificación unha estratexia de vexetación urbana, con cubertas ou balcóns que poderán albergar cultivos hidropónicos, paneis solares e mesmo invernadoiros acristalados.

Neste marco, promoveranse instalacións mediante as que se provén produtos de alimentación e outros de carácter básico que permitan o abastecemento da poboación que estimulen o crecemento verde e a economía circular.

  • 8) Fomentarase a mobilidade alternativa e sostible, coa previsión ao longo de todo o barrio de carrís bici e carreiros para fomentar os desprazamentos a pé e en bicicleta.

Disponse ademais de zonas seguras para o estacionamento das bicicletas.

As sendas peonís discorren pola rede de corredores verdes e espazos naturalizados con especies autóctonas para mellorar tanto a calidade como a integración paisaxística da actuación na súa contorna.

  • 9) O espazo público será o elemento estruturante da ordenación. É o espazo de convivencia cidadá e forma, coa rede de equipamentos e espazos verdes e de estancia, os eixos principais da vida social e de relación.
  • 10) Para a planificación tívose en conta a perspectiva de xénero no urbanismo, tal e como xa estamos a facer agora,  de xeito que se contribúa a impedir que se reforcen as diferenzas existentes en canto á participación, a distribución dos recursos, as normas e valores discriminatorios e a discriminación estrutural directa ou indirecta, favorecendo o cambio cara a unha igualdade efectiva.

Audio

Noticias relacionadas