O Concello adopta distintas medidas de tráfico para garantir a seguridade da IV Carreira Solidaria Viesgo Race Night

Esta proba deportiva, que se celebrará este sábado entre as 19:30 e as 21:30 horas, require cortes de tráfico en varias rúas do casco histórico e nunha parte da avenida de Ramón Ferreiro

Venres, 11 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello ten previsto distintas medidas de tráfico para garantir a seguridade viaria e o éxito da IV Carreira Solidaria Viesgo Race Night, que se celebrará este sábado, 12 de novembro, entre as 19:30 e as 21:30 horas. Esta proba deportiva conta con diferentes categorías cos seus correspondentes percorridos, que teñen o punto de partida, en todos os casos, diante da Casa do Concello.

Entre estas medidas, das 19:00 ás 21:00 horas, aproximadamente, haberá restricións na circulación de vehículos dos residentes con prazas de garaxe polas seguintes rúas do casco histórico: rúa Bispo Aguirre, praza Maior, rúa Clérigos, praza de Santa María, rúa Bo Xesús, rúa Fernando Casas Novoa e praza Pío XII.

Ademais, entre as 19:45 e as 20:30 horas, aproximadamente, cortarase o tráfico rodado na marxe esquerda da avenida de Ramón Ferreiro, en sentido á praza Fonte do Rei, no treito comprendido entre a rúa Bispo Aguirre e a rúa Marina Española. A circulación pola intersección da rúa Marina Española coa avenida de Ramón Ferreiro non se verá afectada e tampouco a marxe dereita desta avenida.

O itinerario estará controlado por efectivos da Policía Local, Protección Civil e persoal da organización, especialmente naqueles puntos nos que sexa preciso para garantir a seguridade viaria, ademais de dispoñer da correspondente sinalización circunstancial.

Noticias relacionadas