O Concello busca fomentar en Lugo un tecido productivo baseado no uso da madeira como material constructivo que xa funciona en Italia

A Alcaldesa preside unha delegación de representantes municipais, da Deputación, a Universidade e empresas madeireiras que coñece entre hoxe e mañá o modelo italiano

O obxectivo é utilizar as accións incluídas no proxecto europeo Lugo+Biodinámico que ten en marcha o Concello para crear emprego a través da diversificación da producción forestal, utilizándoa para a construción

Xoves, 21 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Delegación lucense, na empresa Rothoblass (Salorno)

O Concello busca fomentar en Lugo un tecido productivo que dinamice a economía e cree emprego baseado no uso da madeira como elemento estrutural de construción. Para avanzar cara esta meta, unha delegación encabezada pola Alcaldesa, Lara Méndez, e formada por representantes municipais, da Deputación, a Universidade e empresas madeireiras lucenses desprazouse a Italia para coñecer a experiencia que xa funciona no norte deste país. “O obxectivo é utilizar as accións incluídas no proxecto europeo de desenvolvemento sostible Lugo+Biodinámico que temos en marcha, financiado a través dos fondos Life, para impulsar a diversificación da producción forestal no noso municipio utilizándoa como material de construción”, explicou a Alcaldesa, “unha nova oportunidade económica e de emprego que debemos aproveitar tendo en conta a gran riqueza coa que contamos neste eido”.

A delegación lucense coñecerá entre hoxe e mañá o modelo italiano visitando varias empresas que utilizan a madeira como material constructivo: LignoAlp, en Bressanone; Rothoblaas, en Salorno; un aserradoiro en Val di Fiemme e o centro X-Lam Dolomiti, ademais de dúas obras en construción en Ivalsa e Bérgamo.

Da delegación forman parte, xunto á Alcaldesa, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro; técnicos da empresa pública municipal Evislusa; a Deputada provincial de Medio Ambiente, Sonsoles López Izquierdo; o vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Campus de Lugo, Andres Barreiro Lois; representantes da Plataforma de Enxeñería da Madeira Estrutural; Almudena Majano Majano, profesora do departamento de Estruturas da Edificación ETS Arquitectura da Universidade Politécnica de Madrid e representantes das empresas do sector da madeira Finsa e Maderas Besteiro.

Edificio con consumo cero
O proxecto Lugo+Biodinámico que conseguiu o Concello de Lugo cunha candidatura na que tomaron parte a Deputación, a Universidade de Santiago e a Politécnica de Madrid, conta con 3,5 millóns de euros para desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental.

Entre estas accións, que xa están en marcha e prolongaranse ata mediados do 2020, figura a construción dun edificio piloto en madeira con consumo enerxético cero, que se chamará Impulso Verde e que acollerá o centro de referencia de formación e divulgación polo clima. En base ás experiencias xeradas en torno ao deseño e  construción deste edificio, do que xa dispón o norte de Italia, o Concello busca impulsar unha actividade empresarial que utilice a madeira como elemento estrutural constructivo e lle poida ofrecer os seus servizos a proxectos públicos ou privados, esto é, “que o traballo do Lugo+Biodinámico non se acabe co fin do proxecto, senón que sirva de referencia e pulo dunha nova industria e do desenvolvemento sostible”, asegurou Daniel Piñeiro.

Multimedia

  • A Delegación lucense, na empresa Rothoblass (Salorno)

Noticias relacionadas