O Concello culminou o desbroce no 45% das parroquias do rural

Tras levar a cabo as tarefas en 24 parroquias, a entidade local seguirá traballando ata acometer o mantemento de toda a rede viaria das 54 parroquias lucenses, tanto con traballos de roza como de bacheo

Mércores, 17 de agosto de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello culminou o desbroce no 45% das parroquias do rural

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, informou este mércores da evolución do plan de bacheo e do de roza no rural, que o Concello está levando a cabo en toda a rede viaria das 54 parroquias, e dos que se ocupa tanto a brigada municipal de obras como empresas contratadas.

A entidade local culminou o desbroce no 45% das parroquias, é dicir, en 24: Teixeiro, Bazar, Bocamaos, Coeses, Cuíña, Meilán, Monte de Meda, Pías, Piugos, Prógalo, Recimil, Santiago de Sáa, Soñar, Torible, San Salvador de Outeiro, Camoira, Santa María de Bóveda, Bosende, Adai, Gondar, Lamas, Ombreiro, Romeán e Santa María de Muxa. Actualmente, estanse executar os traballos de roza nas parroquias de San Salvador de Muxa e O Burgo.

“O Plan de Roza das pistas da zona rural do municipio, que ascende a 97.300 euros, arrincou no mes de xullo e prolongaranse ata finais de setembro ata chegar á totalidade das 54 parroquias rurais”, segundo sinalou Miguel Fernández.

Ditas tarefas lévanse a cabo nun mínimo de 700 quilómetros e para acometelas, a empresa adxudicataria (Deforgal 21 XL) dispón en activo ao mesmo tempo de 8 tractores, polo que a roza se efectúa de maneira simultánea en varias parroquias. Con estas actuacións, que responden ás peticións veciñais, o Concello mellora as comunicacións no rural e a seguridade vial, contribuíndo ademais a previr incendios.

Por outra banda, as tarefas de bacheo, acometidas pola brigada municipal de obras, estanse desenvolvendo na actualidade na parroquia de Santa María de Bóveda, tras finalizar nas parroquias de Esperante, Adai, Pedreda, San Salvador de Muxa, Torible e Santa Marta de Fixós. Ademais, tamén actuaron nos núcleos de Reboredo e Soñariño de Soñar, no Camiño das Hortas en Calde, nos núcleos de Santuiño e Toiriz de Piugos, no núcleo de Vilarvente de Labio, no núcleo de Rebordaos do Veral, no núcleo de Gude de Romeán e a pista de Adai a Ombreiro, ata o núcleo de Ferreiros.

O edil lembrou que “nos vindeiros meses, continuarán estes traballos ata completar o bacheo e desbroce en todos os núcleos rurais, que suman un total de 1.000 quilómetros de pistas”, unhas actuacións que se enmarcan na decidida aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida e os servizos dos seus veciños e veciñas. O Concelleiro subliñou neste senso o gran peso do rural no municipio, que supón o 80% do total do territorio de Lugo e o 10% da poboación.

Outras actuacións
A maiores destes plans de bacheo e de roza, o Concello comezará esta semana o acondicionamento con mestura asfáltica en quente en 780 metros dunha estrada da parroquia de Benade, que bordea ao núcleo de Airexe e que finaliza preto do núcleo de Fontes Novas, e en 2.380 metros doutro vial da parroquia de Adai, que atravesa os núcleos de Vilamaior e As Cancelas, e que remata nas proximidades do núcleo de Ferreiros. Trátase dunhas actuacións que contan cun orzamento de 114.000 euros, subvencionadas polo Agader.

Posteriormente, o Concello executará na parroquia de Pías o rego asfáltico do vial de acceso ao núcleo do Curutelo. Na parroquia de Lamas acometerá a reparación do firme e a limpeza de cunetas no lugar de A Portela, e en Teicelle, procederá á colocación dun caño de condución de auga e á instalación de bases para colectores de lixo.

Xunta de Goberno
O voceiro municipal fixo estas declaracións tras a rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que se aprobaron servizos extraordinarios ao persoal da Policía Local e á Brigada de Vías e Obras. Ademais, modificouse o tribunal cualificador do proceso seclectivo convocado para a contratación temporal de 8 peóns para a defensa contra incendios forestais, por mor de vacacións dalgún dos seus membros, así como desginou o tribunal do procedemento seletivo para a contratación temporal de 20 persoas desempregadas e perceptoras do RISGA.

Na sesión deste mércores, entre outros asuntos, tamén se deu conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, o día 21 de xullo de 2016. Neste período recibíronse 11 reclamacións e 1 suxestión. As reclamacións responden ás dependencias de Servizos Sociais (7), Xestión, Augas, Deportes, Transporte, Parques e Xardíns e Tesourería, e a suxestión, a Tráfico. Das reclamacións, 7 están resoltas e 4 pendentes e en prazo.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre que o Concello culminou o desbroce no 45% das parroquias do rural | Descargar MP3

Noticias relacionadas