O Concello de Lugo activa a prealerta por sequía e reduce ao mínimo o baldeo de rúas e o rego de xardíns

As medidas, adoptadas a instancias da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, contribúen a protexer o caudal ecolóxico do Miño

Venres, 24 de xullo de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo activou a instancias da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil unha situación de prealerta por sequía e implantou medidas para o aforro de auga co fin de garantir o caudal ecolóxico do río Miño.

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, avanzou que “o Concello, ante as previsións meteorolóxicas, xa reduciu á metade hai uns 15 días o rego, e agora faino ao mínimo”. O edil destacou que, “aínda que a situación actual das reservas non pon en risco directo os abastecementos dos principias sistemas, os parámetros ambientais estanse vendo afectados”.

Polo  momento, as medidas de aforro establecidas circunscríbense ao aforro de subministro en usos e destinos non prioritarios, como o baldeo de rúas e o rego de xardíns e polo tanto non afectan directamente á poboación. Do mesmo xeito, tamén se reforzarán os controis de auga captada para o abastecemento. “Estas medidas redundarán nunha maior seguridade do sistema de abastecemento, ao tempo que axudarán a manter as condicións mínimas do ecosistema fluvial do Miño. En todo caso, se a sequía persiste habería que aplicar outro tipo de decisións”, subliñou o edil.

Piñeiro, quen invitou a realizar un consumo responsable de auga, explicou que o Concello de Lugo optou por non reducir a presión nocturna da rede urbana, “xa que o sistema de gravidade actual non está adaptado e provocaría problemas no subministro”.

As medidas relacionadas co consumo da poboación serán sempre determinadas pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil, lembrou Piñeiro, posto que é o organismo que ten que decretar o grado de alerta para adoptar ditas restriccións que afecten á cidadanía. 

Noticias relacionadas