O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica acondicionarán o Rato e crearán novos sendeiros e áreas de descanso

Lara Méndez e José Antonio Quiroga asinaron hoxe un protocolo de colaboración para levar a cabo a rexeneración integral da contorna fluvial.

O proxecto incluirá a limpeza da canle, a reforestación con especies autóctonas e tamén a creación de novas zonas de convivencia veciñal e roteiros peonís.

Todas as accións terán como guía o coidado e aproveitamento consciente e responsable dos recursos naturais existentes na contorna.

Esta colaboración dá continuidade ás obras de canalización do río, que se levarán a cabo en Paradai tralo verán.

“Contribuímos á conectividade do humidal e arboretum do LIFE cos parques do Rato e do Miño para goce da cidadanía”, afirmou a rexedora.

O presidente da CHMS enmarcou a proposta de actuacións ao abeiro da Estratexia Nacional de Restauración de Ríos, “de xeito que será respectuosa coa conservación dos seus valores ambientais e o patrimonio histórico asociado ao leito”, sostivo.

Este proxecto vén a complementar o presentado ante a Unión Europea para ampliar o cinto verde de Lugo até a Tolda, recuperando bosques aluviais e carballeiras e enlazando 3 novos km de senda ciclista.

Luns, 03 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo e a Confederación Hidrográfica acondicionarán o Rato e crearán novos sendeiros e áreas de descanso

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño – Sil, José Antonio Quiroga, asinaron esta mañá o protocolo de colaboración a través do cal ambas as dúas entidades traballarán xuntas para rexenerar e protexer a contorna do Rato.

“Ao abeiro deste documento que acabamos de fimar, a concellería de Medio Ambiente e a Confederación procederán a acondicionar o río, incluído o seu afluente Fervedoira, dunha maneira integral dende o nacemento, nas Gándaras e até a Tolda, creando máis espazos de lecer e novos roteiros peonís, ao tempo que tamén se dará solución a puntuais eivas de saneamento que foron detectadas”, informou a rexedora.

“Trátase dun proxecto moi ambicioso co que queremos revalorizar este paseo, de alto impacto ambiental para o municipio e un dos puntos de encontro máis frecuentados pola veciñanza lucense tanto para práctica deportiva como para a socialización e a observación da natureza”, engadiu Lara Méndez.

A alcaldesa, avanzou que trala sinatura de hoxe, seguirá agora a elaboración dun proxecto, que redactará a propia Confederación e no que quedarán concretadas as actuacións a desenvolver, que irán encamiñadas a favorecer a conexión dos espazos verdes creados ao abeiro do programa LIFE Lugo + Biodinámico, a través das Gándaras e Paradai, cos parques do Rato e do Miño.

“A nosa intención é abordar a limpeza de toda a canle coa eliminación de especies invasoras que obstaculizan o desenvolvemento das especies autóctonas, así como adaptar os colectores existentes ás novas demandas da cidade para garantir que non haxa afectacións á auga, evitando que poidan producirse vertidos accidentais aos leitos. Medidas que gardan relación co coidado e conservación medioambiental de todo o espazo e que se verán complementadas con outras de humanización coas que buscamos un aproveitamento consciente dos nosos recursos naturais, predispoñendo á cidadanía a un uso responsable dos mesmos”, abondou Méndez.

Entre as accións a desenvolver figura a reforestación vexetal e a creación de áreas de repouso para a veciñanza, dotadas de mobiliario urbano como asentos, mesas, etc, que permitan o descanso pero tamén a confraternización á beira do río, “ao tempo que habilitaremos novos sendeiros para crear itinerarios alternativos aos actuais, respectuosos coa protección ao medio pero que tamén nos permitan descubrir e coñecer toda a riqueza paisaxística e a diversidade da fauna que habita na contorna”, indicou a mandataria lucense.

Pola súa parte, o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, sinalou que “a través dun estudo en profundidade elaboraremos unha proposta de actuacións para a recuperación e restauración do espazo fluvial deste río que, seguindo os principios da Estratexia Nacional de Restauración de Ríos, sexa respectuosa coa conservación dos seus valores ambientais e o patrimonio histórico asociado ao leito”.

“A colaboración institucional é clave para conseguir proxectos de calado que melloren a calidade das augas dos nosos leitos, que restauren o medio ambiente das contornas fluviais e que permitan o uso e goce das ribeiras pola veciñanza e visitantes. En definitiva, imos sacar do esquecemento e do abandono ao río Rato, para abrilo á cidadanía baixo as premisas que establece a Estratexia Nacional de Restauración de Ríos”, engadiu Quiroga.

A alcaldesa, en tanto, enmarcou a intervención no labor de protección e coidado que tanto o Concello de Lugo como a Confederación Hidrográfica manteñen sobre o río, “de xeito que estas melloras darán continuidade a obra que se acometerá tralo verán na canalización do Rato ao seu paso polo barrio de Paradai, coa finalidade de corrixir os danos ocasionados pola Xunta coas últimas actuacións realizadas durante a construción da rotonda”.

“E servirá, ademais – lembrou - para ennobrecer o cinto verde do municipio, en consonancia coa súa catalogación como reserva da Biosfera, sumándose ao proxecto presentado a Europa a finais do 2022 para acondicionar o Miño ao seu paso pola capital dende a confluencia de ámbolos dous parques e até a Ponte Romana, onde queremos recuperar bosques aluviais, carballeiras e prados de sega e enlazar as sendas verdes ciclistas con tres novos quilómetros de carril bici co propósito de gañar en conectividade e biodiversidade para goze da veciñaza”, concluíu.

Cómpre lembrar que a conexión das citadas actuacións coa actual trama de zonas verdes que alcanza o Sagrado Corazón, permitirá ás e aos lucenses camiñar polo ampliado cinto verde da cidade ata as propias fontes do río Rato, o humidal recuperado coa estratexia LIFE, ou visitar o arboretum.

Audios

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o protocolo de rexeneración do Rato | Descargar mp3
  • O presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, sobre o protocolo de rexeneración do Rato | Descargar mp3

Noticias relacionadas