O Concello de Lugo impulsa coa Cruz Vermella cursos sobre o manexo dos desfibriladores para a cidadanía interesada

No marco do programa ‘Lugo con corazón’, impulsado por Lara Méndez, búscase tamén que a poboación estea preparada para axudar a salvar vidas.

Lugo será a cidade galega máis cardioprotexida coa instalación de 67 desfibriladores en dependencias municipais, 10 deles móbiles e 10 ubicasos en espazos exteriores.

A concelleira de Benestar, Olga López, mantivo os primeiros encontros co presidente da Cruz Vermella para organizar e impartir estes cursos.

Xoves, 24 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo impulsa coa Cruz Vermella cursos sobre o manexo dos desfibriladores para a cidadanía interesada

O programa ‘Lugo con corazón’, impulsado pola alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, para que a lucense sexa unha cidade cardioprotexida, contará con formación para a cidadanía interesada no manexo dos desfribriladores.

O Concello de Lugo ten contratada a instalación  de 67 desfibriladores, que axudarán a actuar canto antes ante posibles infartos e salvar vidas. 47 irán en edificios e instalacións municipais e 10 serán móbiles para os coches da Policía Local, os servizos de emerxencias e para facilitar ás asociacións e colectivos que os soliciten puntualmente. Ademais, se incluirán 10 tótems para colocar en espazos públicos exteriores. Con estas cifras, Lugo será a cidade de Galicia máis cardioprotexida.

Ademais da formación sobre o uso destes aparatos que se impartirá ao persoal municipal, o Concello desenvolverá formación á veciñanza. Con este obxectivo, a concelleira de Benestar, Olga López, mantivo un encontro co presidente provincial de Cruz Vermella, Luis Abelleira, para coordinar e impartir os cursos. “Aínda que no contrato da adxudicación está incluída a formación para os traballadores do Concello, desde o Goberno local adquirimos o compromiso de formar tamén á cidadanía no uso de  desfibriladores, xa que o tempo é vital nas paradas cardíacas”, apuntou a edil.

“É tan importante, contar con desfibriladores en diferentes puntos da cidade como saber utilizalos. Cremos importante incrementar o número de persoas capacitadas para manexar estes dispositivos que, no caso de que fose necesario, axudaran a manter con vida a unha persoa ata que cheguen os servizos sanitarios” explicaba Olga López.

A reanimación cardiopulmonar nos primeiros 3 a 5 minutos é imprescindible xa que eleva as taxas de supervivencia entre o 49 ao 75%. En cambio, cada minuto que esta acción se atrasa redúcese a probabilidade de supervivencia entre un 10 e un 12%.

O cursos de formación serán impartidos por técnicos de Cruz Roja nos diferentes Centros de Convivencia tanto na cidade coma no rural.

Noticias relacionadas