O Concello dispón de preto do 90% dos terreos necesarios para a construción dun novo CEIP no Sagrado Corazón

Quedan pendentes uns 1.200m², que se cederán, por mor de trámites de herdanza, a través dunha expropiación acordada. Previsiblemente, a ratificación destes terreos aprobarase en Xunta de Goberno neste mes de xaneiro

Luns, 18 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
imaxe1

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asinará este luns no Salón de Comisións seis convenios urbanísticos para a cesión doutras tantas parcelas ao Concello de Lugo co obxectivo de poñelos á disposición da Xunta de Galicia para construír nelas un centro de educación infantil e primaria no barrio do Sagrado Corazón. Así o deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen informou de que se trata de 6 parcelas do sector LugoS-5.R, tal e como o define o PXOM, e que suman máis de 7.100 metros cadrados, 41 m², 815 m², 2.862 m², 1.565 m², 926 m² e 908 m², respectivamente. Queda pendente a sinatura final da cesión doutro convenio, grazas ao cal a entidade local disporá doutros 1.660 metros cadrados.

“Coa sinatura destes convenios, o Concello conta con preto do 90% dos terreos necesarios que se porán á disposición da Xunta de Galicia para dotar á zona sureste da cidade dun novo centro educativo, tan demandado polos veciños e veciñas”, asegurou Piñeiro.

Tras a exposición pública dos convenios urbanísticos no Diario Oficial de Galicia do día 12 de agosto de 2015, a Xunta de Goberno do 28 de outubro e o Pleno do 29 de outubro de 2015 ratificaron uns 8.000 metros cadrados, dos 10.000 requiridos pola Xunta, tanto de terreos cualificados como solo urbanizable delimitado como non delimitado. Deste xeito, quedan pendentes uns 1.200 metros, que se cederán, por mor de trámites de herdanza, a través dunha expropiación acordada. Previsiblemente, neste mes de xaneiro, a ratificación destes terreos aprobarase en Xunta de Goberno.

Unha vez aprobada a ratificación destes convenios, e asinada a cesión final, o Concello poñerá á disposición da Xunta a totalidade de ditos terreos para a construción do colexio do Sagrado Corazón.

Audio

  • Daniel Piñeiro, sobre os convenios urbanísticos|Descargar mp3

Noticias relacionadas