O Concello inicia unha nova campaña dos Almorzos Saudables en todos os colexios de Lugo

Rosana Rielo presentou unha nova edición desta campaña, na que se servirá un lácteo, cereais, cacao, un boliño de pan, mel e unha peza de froita con pel a cada un dos nenos e nenas participantes

Haberá unha representación coa tía Enriqueta, unha marioneta con acento inglés, que dará as explicacións dos alimentos, os costumes saudables, e a súa información nutricional

Mércores, 01 de marzo de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello inicia unha nova campaña dos Almorzos Saudables en todos os colexios de Lugo

A Concelleira de Concello e Cidadanía, Rosana Rielo, presentou este mércores no Salón de Plenos unha nova edición da campaña dos Almorzos Saudables, que arrincará mañá e terá lugar ata finais de abril en todos os colexios de Lugo. Trátase dunha iniciativa que conta coa subvención da Rede Española de Cidades Saudables, e que está a servir de modelo en diferentes municipios de toda Galicia, en Asturias ou Barcelona, entre outros.

Rosana Rielo deu a coñecer o desenvolvemento de cada un dos almorzos, nos que se servirá un lácteo, cereais, cacao, un boliño de pan, mel e unha peza de froita con pel, por mor da súa conservación, a cada un dos nenos e nenas participantes. Nesta ocasión, vaise aproveitar para presentar algún alimento pouco habitual nos domicilios, como a callada, o mel ou algunha froita exótica, para que os nenos e nenas os proben.

Na presentación, na que tamén estiveron presentes os responsables das empresas colaboradoras deste programa, organizado polo Concello dende o ano 2004, a edil fixo mención especial a todas as empresas colaboradoras, sen as cales sería moi difícil poder levar a cabo este tipo de actividades. Nesta décimo terceira edición os patrocinadores son Vegalsa-Eroski, Ingapan, Puleva-Lactalis, a Asociación Provincial de Apicultores, a USC e a Asociación de Alumnos de Nutrición (ADINU), que aporta dous voluntarios nas actividades por colexio.

En cada un destes almorzos haberá unha representación coa tía Enriqueta, unha marioneta con acento inglés, que dará as explicacións dos alimentos, os costumes saudables, e a súa información nutricional. O alumnado de nutrición colaborarán en todo o necesario, dando consellos nutricionais a quen así o requira.

Rielo quixo agradecer “a inestimable colaboración que este programa recibe, ano tras ano, por parte dos mestres, persoal e direccións dos centros educativos, que fan moito máis fácil a organización destes Almorzos Saudables”.

O calendario destes almorzos é o seguinte:

  • 2 e 3 de marzo - Colexio Illa Verde  
  • 6 de marzo - Colexio da Milagrosa
  • 7 de marzo - Colexio Infantil Fingoi Nº 2
  • 8 e 9 de marzo - Colexio Anexa Prácticas
  • 10 de marzo - Colexio Manuel Mallo Mallo
  • 13, 14 e15 de marzo - Colexio Luis Pimentel
  • 16 e 17 de marzo - Colexio As Mercedes
  • 20 de marzo - Colexio Divino Maestro
  • 21 e 22 de marzo - Colexio Menéndez Pelayo
  • 23 de marzo - Colexio das Gándaras
  • 24 de marzo - Colexio de Casás
  • 27 e 28 de marzo - Colexio María Auxiliadora
  • 29 de marzo - Colexio Cervantes
  • 30 e 31 de marzo - Colexio de Paradai
  • 3 de abril - Colexio da Ponte
  • 4 de abril - Colexio Galen
  • 5 e 6 abril - Colexio Rosalía de Castro
  • 7 de abril - Colexio Quiroga Ballesteros
  • 20 e 21 de abril - Colexio Padres Franciscanos
  • 18 e 19 de abril - Colexio de Albeiros
  • 27 e 28 de abril - Colexio Salesiano Divina Pastora
  • 24 e 25 de abril - Colexio Hermanos Maristas 

Audio

Noticias relacionadas