O Executivo de Lara Méndez habilita unha liña de bus escolar para os colexios Quiroga Ballesteros e A Milagrosa mentres duren os traballos de peonalización

O Goberno local ofreceu este recurso a dirección dos centro no mes de setembro e desde entón se traballou conxuntamente en coñecer a demanda real para definir os horarios e as paradas.

Ademais dun autobús, que será utilizado de forma regular por 49 alumnos e alumnas, a Alcaldía proporciona dous acompañantes encargados de garantir a seguridade dos escolares.

A rexedora sinalou que o obxectivo desta iniciativa é axilizar o acceso do alumnado aos seus centros e facilitar o traslado para as súas familias mentres se actúa na contorna da praza do Ferrol e Quiroga Ballesteros.

Xoves, 09 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Executivo de Lara Méndez habilita unha liña de bus escolar para os colexios Quiroga Ballesteros e A Milagrosa mentres duren os traballos de peonalización na contorna da praza do Ferrol e Quiroga Ballesteros. “O obxectivo desta iniciativa é axilizar o acceso do alumnado aos centro escolares  e facilitar o traslado para as súas familias na medida que así o soliciten mentres duren os traballos de transformación que estamos a acometer no centro histórico”, afirmou a alcaldesa, quen destacou a continúa colaboración coa comunidade escolar para acadar a máxima eficiencia do novo servizo.

O Goberno local ofreceu este recurso á dirección dos centro no mes de setembro, co inicio do curso, e desde entón se traballou conxuntamente en coñecer a demanda real para definir os horarios e as paradas en funcións das necesidades familares. A liña comezará a funcionar de forma regular o próximo luns. Deste xeito, o itinerario do servizo contará cun total de catro paradas que foron consensuadas coa dirección de ambos centros e definidas atendendo criterios de proximidade segundo a residencia dos escolares. O horario de chegada a destino queda establecido para ás 08.55 horas, mentres que o de retorno a casa, está fixado par as 14.05 horas.

A primeira parada será na praza Conde Fontao, nas inmediacións da estación ferroviaria, a segunda situase na avenida Infanta Elena, na contorna do parque da Milagrosa, a altura da Casa do Deporte. O terceiro punto de captación estará na avenida da Coruña, fronte ao número 136,  nun espazo central desta vía. Finalmente,  o punto de destino e inicio da viaxe de volta estará situado na confluencia desta última rúa coa Rolda da Muralla, nas inmediacións da porta de San Fernando. Desde este punto o alumnado accedera aos centros camiñando, sendo guiados en todo momento os diferentes grupos polos dous acompañantes.

Noticias relacionadas