O Executivo de Paula Alvarellos destina 255.000 euros a modernizar os equipos de intervención específicos do corpo de bombeiros

A alcaldesa visitou este xoves o parque municipal para coñecer de primeira man o novo equipamento que facilitará o traballo diario dos efectivos deste servizo.

“Este investimento repercutirá nunha mellora da seguridade dos traballadores e vaise traducir nuha redución dos tempos de atención a cidadanía en caso de emerxencia”, apuntou a rexedora.

A nova dotación inclúe traxes de intervención para incendios de tipo estrutural, vestimenta de rescate técnico de alta visibilidade, roupas especiais de auga e material de rescate acuático.

Xoves, 07 de marzo de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos destina 255.000 euros a modernizar os equipos de intervención específicos do corpo de bombeiros

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, visitou este xoves o parque de Bombeiros para coñecer de primeira man os novos traxes e equipos de intervención específicos que o Executivo municipal vén de incorporar ao Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento do Lugo (SPEIS). Durante o encontro con efectivos deste corpo, no que a rexedora estivo acompañada polo sarxento xefe do servizo, Miguel López, a rexedora subliñou que “dende o Concello seguimos dotando de material e formando aos bombeiros para facilitar o seu traballo diario e preparalos para afrontar situacións de emerxencia.

“Estamos seguros de que esta modernización repercutirá nunha mellora da seguridade dos traballadores e nunha operatividade maís áxil que se vai traducir nuha redución dos tempos de atención a cidadanía en caso de emerxencia”, apuntou Alvarellos Fondo. Neste senso, a alcaldesa destacou o esforzo inversor do Goberno local que destinou unha partida de máis de 255.000 euros no devandito equipamento. “Tendo en conta que a profesión de bombeiro ten un claro carácter multidisciplinar, preténdese equipar aos traballadores con traxes específicos que cumpran as diferentes normativas de aplicación en función do tipo de traballo a realizar”, subliñou.

A iniciativa inclúe a dotación para todo o persoal dos seguintes equipos de protección individual:

  • Traxes de intervención para incendios de tipo estrutural: Trátase de EPIS de categoría III cuxa tecnoloxía conta con tecidos especiais que garanten unha maior resistencia e protección térmica, mecánica e química, o que redunda na seguridade do bombeiro á hora de intervir en incendios de tipo estrutural, tales como incendios en edificacións e industria. A adquisición destes traxes inclúe o mantemento e reparación dos mesmos durante un período de 5 anos.
  • Traxes de rescate técnico de alta visibilidade: Trátase de EPIS de categoría III, cuxa lixeireza, ergonomía e visibilidade faios idóneos para aquelas intervencións que impliquen salvamento en accidentes de tráfico, traballos de rescate en altura e mesmo incendios de vexetación de interface urbano forestal.
  • Traxes especiais de auga e vadeadores: Equipos especialmente deseñados para traballos en condicións climatolóxicas adversas e labores de achique de auga con prestacións de alta visibilidade.
  • Material específico de rescate acuático, que inclúe traxes húmidos, chalecos e liñas de rescate, cascos, aletas e botas especiais para levar a cabo intervencións de salvamento en río.

Pola súa parte, Miguel López explicou que, ademais dos equipos de nova incorporación, o SPEIS xa dispón na actualidade doutros equipos específicos como os destinados ao corte con motoserra, emerxencias con mercadorías perigosas ou a retirada de niños de vespa Velutina en casos de urxente necesidade.

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos destina 255.000 euros a modernizar os equipos de intervención específicos do corpo de bombeiros

Noticias relacionadas