O Goberno impulsa un verán máis diversas actividades para fomentar a conciliación

Ana Abelleira presentou a programación, que inclúe Aulas Abertas para nenos e nenas de 3 a 11 anos, e diversas dinámicas deportivas e lúdicas na contorna do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra,  para os cativos e cativas de 8 a 11 anos

Para toda a poboación, o Concello oferta zumba e ioga no Parque de Rosalía e en Augas Férreas, un obradoiro de reparación de bici, no Mercado Municipal, e diversas excursións á praia

Venres, 08 de xuño de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno impulsa un verán máis diversas actividades para fomentar a conciliación

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, presentou este vernes, na Sala de Usos Múltiples do Edificio de Novas Tecnoloxías, a programación de animación sociocultural dirixida tanto a nenos e nenas como a persoas adultas, que organiza o Concello para este verán, coa finalidade de ofrecer alternativas lúdicas e de lecer saudable, ao tempo que se axuda á conciliación da vida familiar e laboral dos e das luguesas.

Para este xullo e agosto, o Concello ten preparadas diferentes dinámicas deportivas e lúdicas, como patinaxe ou xogos tradiconais, nas zonas verdes próximas ao centro de convivencia Uxío Novoneyra, dirixidos a cativas e cativos de 8 a 11 anos, en horario de 10:30 a 13:30 horas. Hai dispoñibles 20 prazas e as inscricións deben facerse no propio centro en xornada de mañá-

Tamén ao aire libre, e dirixida a toda a poboación, a programación inclúe ioga, que terá lugar os luns, e zumba, os mércores, no Parque de Rosalía de Castro. Estas mesmas actividades repertiranse o martes e o xoves na Praza de Augas Férreas, martes ioga e xoves zumba, das 11:00 ás 12:00 horas. Para estas alternativas gratuítas, tal e como informou a edil, non é precisa inscrición previa.

Unha das novidades deste ano é un obradoiro de reparación de bicicletas, que acollerá o Mercado Municipal os martes do mes de xullo, das 17:00 ás 18:30 horas. Tampouco é precisa inscrición.

No que se refire ás excursión de verán, a Concelleira avanzou a organización de 4 saídas a Cedeira, Pontedeume, Ribadeo e Foz, con paradas nas Pontes, Betanzos, A Pontenova e Mondoñedo, respectivamente; os días 5 e 19 de xullo, e o 9 e 23 de agosto. As persoas interesadas poden inscribirse entre os días 25 e 19 de xuño, en horario de 10:00 a 13:00 horas no centro de convivencia de Lamas de Prado. A saída para estas viaxes será ás 09:00 horas, diante da Praza do Castiñeiro, e o regreso ás 21:00 horas nese mesmo punto. O prezo a aboar mantense un verán máis, 4,12 euros.

Por último, o Concello mantén as Aulas Abertas para os nenos e nenas de 3 a 11 anos nos centros de convivencia de Fingoi, Uxío Novoneyra, María Balteira, Lamas de Prado, Milagrosa e Maruja Mallo. O Concello oferta máis de 150 prazas por quincena. Os interesados poden inscribirse do 11  ao 13 de xuño, no centro no que desexen realizar as actividades, en horario de 10:00 a 13:00 horas, aboando 1,03 euros por día, agás o centro da Milagrosa no que se tramitarán ademais as correspondentes aos de María Balteira. Os horarios varían dependendo do centro, sendo de 10:00 a 13:30 horas en Fingoi e no Uxío Novoneyra, de 09:00 a 14:00 horas en María Balteira, Lamas de Prado e na Milagrosa, e de 08:45 a 14:15 horas no Maruja Mallo. Por segundo ano e facilitar as inscricións, a adxudicación de prazas realizarase mediante un sorteo, que terá lugar o día 14 de xuño.

Audio

Documento

Noticias relacionadas