O Impulso Verde, protagonista do Día Mundial da Construción Sostible a elección do Clúster da Madeira

Este novo recoñecemento foi recibido con satisfacción polo Executivo local que destaca que a proxección do edifico está a situar a Lugo como administración local referente a nivel internacional na promoción da arquitectura sostible.

Con motivo desta distinción, o equipamento municipal acollerá un acto de homenaxe, que se celebrará o próximo venres 22 de setembro a petición da agrupación de empresas  madeireiras.

Luns, 18 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Impulso Verde, protagonista do Día Mundial da Construción Sostible a elección do Clúster da Madeira

O Impulso Verde será este ano protagonista do Día Mundial da Construción Sostible. Así llo comunicou o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia ao Concello de Lugo logo de que esta organización elixira o edificio para conmemorar esta celebración. A xunta directiva do CMD escolleu o equipamento edificado polo Executivo de Lara Méndez por contar cunha estrutura realizada de forma íntegra con madeira local galega, sendo o primeiro edificio en España en obter a certificación FSC de proxectos que garante que toda a madeira empregada procede de bosques xestionados de forma responsable e fontes controladas, ademais doutras moitas particularidades do seu deseño que converten o inmoble nun referente sostible en Galicia, segundo indica a propia agrupación de empresas na notificación remitida á Alcaldía.

Este novo recoñecemento acadado pola edificación municipal foi recibido con satisfacción polo Goberno local. “O Impulso Verde é o máximo expoñente da nosa aposta pola arquitectura sostible, que se enmarca dentro da nosa estratexia de acción coa que buscamos incentivar un modelo produtivo para o municipio baseado no desenvolvemento de todo o potencial dos recursos naturais de proximidade, apostando firmemente por unha economía sostible, verde e dixital que xere empregos estables de calidade e permítanos fixar poboación”, explica Méndez.

“Actualmente estamos a explotar todo o potencial divulgativo desta obra arquitectónica que esperta interese de técnicos no só a nivel nacional, senón a nivel internacional e que permite achegar á poboación o modelo de cidade que aspiramos acadar. O éxito do edificio está a situar a Lugo como administración local referente a nivel europeo na promoción da arquitectura sostible. De feito xa está a axudar a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro a nivel local”, apunta Méndez que cifra o aforro de consumo enerxético nun 74% respecto o dos edificios convencionais.

Con motivo desta distinción, o Impulso Verde acollerá un acto de homenaxe, que se celebrará o próximo venres 22 de setembro, a solicitude da agrupación de empresas madeireiras.  A Xunta Directiva do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia escolle todos os anos unha construción que represente a defensa dos criterios sustentables na súa execución. Entre as obras seleccionadas noutras edicións, destacan o Museo de Historia Natural Luis Iglesias, a piscina Acor, a Escola Infantil A Baiuca, o Mirador da Cova ou o Centro de Urxencias de Laracha.

Noticias relacionadas