O plan de limpeza integral por barrios chega á Milagrosa, tras pasar pola Ponte, Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos

Este plan, que actúa de forma coordinada cos servizos que se prestan de forma habitual, inclúe desbroce de soares, varrido de rúas e bordillos, limpeza de sumidoiros, colectores, mobiliario urbano e pintadas, e baldeo de rúas

A limpeza acometerase en 12 fases distintas, que se poden consultar na web municipal www.lugo.gal

Xoves, 07 de abril de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O plan de limpeza integral por barrios chega á Milagrosa, tras pasar pola Ponte, Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos

O plan de limpeza integral por barrios activado o pasado mes de marzo polo Concello, e que se desenvolverá ao longo de todo o ano, chega á Milagrosa, tras pasar pola Ponte, Louzaneta, Sagrado Corazón, As Gándaras e Galegos. Así o deu a coñecer este xoves o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, quen supervisou in situ as actuacións de limpeza na rúa río Ser. Neste momento, o varrido mixto de rúas e bordillos, así como a limpeza de colectores e mobiliario urbano estase a acometer na Milagrosa, mentres que o desbroce de soares municipais se mantén en Galegos.

 “Con este plan queremos mellorar a limpeza e a imaxe da cidade co fin de aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, pero tamén como piar fundamental para impulsar a actividade turística”, subliñou o edil.

A limpeza acometerase en 12 fases distintas ata decembro, actuando tamén nos barrios da Piringalla, o Castiñeiro, Casás, A Residencia, Garabolos, Albeiros, Castelo, A Chanca, Fingoi, Aceña de Olga, Fontiñas, Augas Férreas, Recatelo, Ramón Ferreiro, San Roque, Paxariños, Montirón, Sanfiz, no barrio da Estación, no barrio de Feijóo, na Cheda e no entorno do Anxo Carro. As fases están publicadas na páxina web do Concello www.lugo.gal para que todos os veciños e veciñas poidan consultar dito plan.

Medidas de limpeza

O Concello, como reforzo aos labores ordinarios de mantemento, realiza o desbroce de soares municipais, acomete o varrido mixto de rúas e bordillos, así como a limpeza de sumidoiros, de colectores e mobiliario urbano, e a limpeza de pintadas. Este plan tamén contempla o baldeo de rúas. “Trátase dun plan integral que actuará de forma coordinada cos servizos que se prestan de forma habitual, complementándose entre os dous”, asegurou Piñeiro.

Operativo

Neste operativo toma parte unha brigada de desbroce con desbrozadoras de man e sopladores, un tractor desbrozador, unha cisterna con baldeo mixto, unha varredora mixta, unha furgoneta porter ou fregadora con equipo de lavado para limpeza de colectores, publicidade, pegatinas e mobiliario urbano, un camión de succión e impulsión para a limpeza de sumidoiros e unha hidro-limpadora ou fregadora nas zonas que así o requiran polo ancho da rúa. 

Noticias relacionadas