O reforzo da Policía Local para evitar a presenza de gorrillas na contorna do HULA se salda cunha media de 3 denuncias cada 2 días

O incremento da vixilancia na zona contribuíu a que nos últimos tres meses os axentes do Corpo levantaran contra esta conduta un total de 56 actas de infracción.

No que vai de ano as sancións por este concepto ascenden a 104.

O Executivo de Lara Méndez aumentou nos últimos anos o número de estacionamentos gratuítos nas inmediacións para facilitar o estacionamento ás persoas usuarias do centro sanitario ante o elevado custo do parking subterráneo.

Mércores, 14 de decembro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O reforzo da Policía Local para evitar a presenza de gorrillas na contorna do HULA se salda cunha media de 3 denuncias cada 2 días

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, deu conta hoxe de que nos últimos meses a Policía Local multiplicou a súa supervisión nas inmediacións do HULA para tratar de poñer cerco á práctica ilegal de aparcacoches.

“Os dispositivos incrementáronse notablemente para, por unha banda, disuadir desta conduta e achegar maior seguridade á zona, mediante o emprego de vehículos rotulados, pero tamén con outros camuflados co fin de sorprender a estas persoas cando a exercen”, sinalou a rexedora.

Así, deste incremento dá conta o número de actas levantadas polos efectivos do Corpo que se elevan a 104 no que vai de ano, as últimas 56 interpostas só nos últimos tres meses.

Dende a Xefatura, o Intendente Jesús Piñeiro informou, así mesmo, de que, por parte da Policía Local, “estanse a empregar todos os mecanismos posibles para rematar coa presenza de gorrillas, impoñendo sancións por incumprimentos, moitos deles reiterados, ao Regulamento Xeral de Circulación, á Ordenanza Municipal de Circulación, á Lei de Seguridade Cidadá - todas elas de carácter administrativo – por transitar ou permanecer na calzada para indicar as prazas libres, causar perigo e entorpecer o tráfico, xerando molestias ás e aos condutores, pero tamén penais por desobediencia”.

Pola súa banda, a rexedora quixo incidir no feito de que “non se trata dunha problemática que atinxa exclusivamente a Lugo, xa que afecta a practicamente todas as cidades do país, coa singularidade de que, no noso caso, se concentra especificamente nun único foco: o Hospital. E tampouco podemos esquecer que, detrás das causas que empurran a estas persoas a pedir diñeiro por dar indicacións sobre onde estacionar os vehículos, atópase un compoñente eminentemente social que resta efectividade a calquera actuación municipal en tanto a maioría delas son insolventes”.

Aínda así, Lara Méndez lembrou que, tras comprobar que a moitos dos infractores esta actividade ilegal lles reportaba unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional, “dende a Policía Local se trasladou un informe ao órgano autonómico competente coa finalidade de determinar se, en cada caso, procedía a suspensión ou extinción destas prestacións, ben porque serían incompatibles coa práctica que desenvolven, ben porque cos ingresos que obteñen, non cumprirían cos requisitos esixidos para o seu outorgamento, tratando de empregar todas as vías posibles para disuadir desta conduta”.

“Dende o Concello de Lugo non só actuamos conforme as atribucións que nos son propias, como son a vixilancia e a seguridade na vía pública así como a capacidade sancionadora, senón que mesmo habilitamos na zona un maior número de prazas de aparcamento, sen obviar, tampouco que o copago encuberto que propiciaba a Xunta coas tarifas tan elevadas que mantiña no parking subterráneo foi outro dos factores que contribuíu á existencia destes aparcacoches ilegais”, concluíu a alcaldesa.

Noticias relacionadas