A Policía Local de Lugo incrementará este ano o seu cadro de persoal con 45 novos efectivos

Durante o primeiro semestre incorporáronse xa 22 axentes aos que se engadirán outros 23 convocados agora pola Axencia Galega de Seguridade Pública

Ademais, esta semana a Xunta de Goberno Local autorizará a adquisición, en renting, dun vehículo híbrido crossover que se sumará ao parque móbil

Martes, 28 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Policía Local de Lugo incrementará este ano o seu cadro de persoal con 45 novos efectivos

A Policía de Lugo incrementará, neste 2020, o seu cadro de persoal en 45 efectivos ata acadar os 129 traballadores.

Logo da merma que sufrira en xaneiro de 2019, cando rexistrara preto dunha trintena de xubilacións, o Corpo de Seguridade Local recibirá agora 23 axentes máis que se suman aos 22 que se foron incorporando no primeiro semestre do ano.

Así, a alcaldesa de Lugo lembrou que, con relación á Policía Local, dende o inicio de mandato se foron executando as prazas de promoción interna contempladas nas OPES de 2015 e 2016 para proceder á cobertura de xefaturas, do inspector principal e doutros tres inspectores así como de dous oficiais. “Porén, nas Ofertas Públicas de Emprego correspondentes aos exercicios do 17 e 18 xa se prevía que as 31 prazas que recollían serían tramitadas de acordo á esa colaboración coa AGASP, unha convocatoria publicada no DOG o pasado 10 de xullo e coa que, unha vez efectivizada, o Corpo recortará distancias pasando de 67 a 12 o número de axentes que restarían para dimensionar axeitadamente a xefatura de Lugo co ratio de pobación do concello”, subliñou Lara Méndez.

O reforzo que chega agora obedece ao convenio de cooperación, asinado entre o Concello e a administración autonómica, para fornecer este servizo que durante o último ano permaneceu nunha situación moi deficitaria.

A rexedora adiantou tamén que xunto ao incremento dos recursos humanos cos que contará a Policía Local, na Xunta de Goberno desta semana o executivo autorizará a contratación, mediante modalidade de renting, dun vehículo híbrido crossover suv e aprobará os pregos para a adquisición de tres híbridos destinados á patrulla. “Dotacións que pasarán a incluírse no parque móbil municipal e que mellorarán as ferramentas a disposición dos axentes para desenvolver con maior seguridade o seu labor”, concluíu Méndez.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o incremento do cadro de persoal, na Policía | Descargar mp3

Noticias relacionadas