Rubén Arroxo presenta o novo bus que se incorporará ao servizo de transporte urbano

Estes novos vehículos, máis eficientes, incorporan os últimos avances en seguridade e axudas á condución, e cubrirá a liña 11

Arroxo: “agardamos poder iniciar a implantación do SAE nas vindeiras semanas”

Xoves, 08 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo presenta o novo bus que se incorporará ao servizo de transporte urbano

O Tenente de Alcalde, e responsábel da área de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, presentou no día de hoxe o novo microbus Mercedes co que conta o Concello, que a partir de mañá cubrirá o servizo da liña 11. “Queremos que a xente aposte polo bus urbano porque reducindo tráfico na cidade avanzamos nunha cidade sostible cunha mobilidade alternativa e ecolóxica”, indicou Rubén Arroxo, que engadiu “continuamos a renovar os buses que, segundo o contrato vixente, deben renovarse antes de cumprir os 15 anos”

O novo vehículo que se incorpora á flota ten un menor consumo de combustible que os modelos anteriores, polo que emiten menos substancias contaminantes, por debaixo dos niveis marcados pola normativa Euro VI. Ademais, segundo explicou Arroxo, “incorpora os últimos avances en seguridade na condución e cumpre cos protocolos COVID”. O redeseño interior, destacado por incluír grandes cristaleiras con cristais tintados para evitar molestias causadas pola luz solar sen ter que engadir cortinas que poidan ser tocadas por varias persoas. O posto de conducción conta con mampara para protexer ao persoal da empresa e ás persoas usuarias.

Conta con rampa de acceso para garantir a accesibilidade, e conexión WiFi e portos USB para recargar dispositivos móbiles. En total, o novo vehículo terá unha cabida de 16 pasaxeiros sentados e 14 de pé, e realizará o servizo da zona rural, nos núcleos de Tirimol, Pías, Bóveda, Castelo, Nadela, Recimil, San Mamede, Conturiz, Esperante e Calde.

Novas Liñas

O Tenente de Alcalde avanzou que ”nos vindeiros días agardamos que a Xunta de Goberno aprobe a modificación do contrato para que poidan comezar a funcionar as novas liñas”, e engadiu “unha vez a Xunta de Goberno aprobe esta modificación, comezarase coa instalación do SAE, que durará aproximadamente un mes, e realizaremos unha campaña de promoción para que toda a veciñanza sexa informada dos novos horarios e reducir ao máximo as molestias no momento de comezar a funcionar”.

Audio

  • O edil de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre o novo bus | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo presenta o novo bus que se incorporará ao servizo de transporte urbano
  • Rubén Arroxo presenta o novo bus que se incorporará ao servizo de transporte urbano

Noticias relacionadas