20 lucenses, de entre 26 e 68 anos, fórmanse no CEI Nodus municipal no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación

Esta iniciativa, organizada pola área de Desenvolvemento Local, busca incrementar a empregabilidade de persoas en paro, nun nicho de mercado en cremento no municipio.

Lara Méndez: “Queremos mellorar a súa cualificación, en alternancia coa adquisición de experiencia, axudándolles a reorientar a súa carreira cara ámbitos con gran demanda”.

Os participantes están remunerados co salario mínimo interprofesional e, á finalización do curso, obterán o certificado de profesionalidade de Nivel 3.

Luns, 13 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
20 lucenses, de entre 26 e 68 anos, fórmanse no CEI Nodus municipal no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, mantivo un encontro cos 20 lucenses, de entre 26 e 68 anos, que están a participar no obradoiro LugoSostible 5.0, posto en marcha polo executivo municipal. Trátase da iniciativa coa que o goberno de Lara Méndez ofrece formación e experiencia profesional a persoas desempregadas de Lugo. “Esta nova acción formativa está orientada á creación de aplicacións e contidos enfocados na posta en valor do patrimonio histórico da cidade, así como do patrimonio cultural e natural do municipio”, apuntou a rexedora.

Lara Méndez explicou que “con esta iniciativa buscamos mellorar a ocupabilidade de persoas desempregadas, a través da súa cualificación profesional en alternancia coa adquisición de experiencia laboral, axudándolles a reorientar a súa carreira cara ámbitos con gran demanda de profesionais”. Neste senso, a alcaldesa destacou que as áreas nas que se centra, principalmente as TICs e a xestión do marketing e a comunicación, “constitúen un importante nicho de mercado en continuo crecemento, polo que o obxectivo final é xerar novos postos de traballo na cidade”.

A media de idade dos participantes no obradoiro, organizado pola área de Desenvolvemento Local, é de 46 anos. Durante a súa visita, Méndez entregoulle a cada alumno unha tablet coa que facilitar as labores de aprendizaxe. Esta acción, que comezou o pasado mes de setembro, terá unha duración dun ano e os alumnos están retribuídos co salario mínimo interprofesional.

O obradoiro, que conta con fondos europeos, conta con tres especialidades formativas: Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web, para a que se ofertaron 7 prazas; Desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos, que conta con 7 alumnos; e Xestión de marketing e relacións públicas, para a que se habilitaron 6 prazas. As accións propostas contemplan a obtención do certificado de profesionalidade de Nivel 3 e os contidos son impartidos de forma presencial nas instalacións do CEI Nodus.

Multimedia

  • 20 lucenses, de entre 26 e 68 anos, fórmanse no CEI Nodus municipal no ámbito das TICs, o marketing e a comunicación

Noticias relacionadas