20 rapaces de etnia xitana inician o programa de reforzo escolar que fan posible Concello e Deputación de Lugo

Ana Abelleira e Sonsoles López, xunto aos mozos e as súas familias participaron no arranque do Programa de Integración Escolar, que se desenvolve nas instalacións da Fundación Secretariado Xitano

O programa contempla clases complementarias ás dos colexios, servizo de intermediación entre familias e centros educativos ou titorías individuais de orientadores educativos e alumnos para contribuír ao éxito académico

Participan 18 alumnos de 5º e 6º de Primaria e ESO e outros 3 de FP e Bacharelato, que estudan en 13 colexios da capital que colaboran coa Fundación, Deputación e Concello de Lugo no desenvolvemento deste programa

Mércores, 03 de outubro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
20 rapaces de etnia xitana inician o programa de reforzo escolar que fan posible Concello e Deputación de Lugo

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira,  e a Deputada de Promoción Económica e Social, Sonsoles López, participaron este mércores no arranque do programa de reforzo escolar que ofrece a Fundación Secretariado Xitano grazas á colaboración económica que realizan Concello e Deputación de Lugo. Son 20 rapaces os que iniciaron dita programación este curso. Hoxe, xunto as súas familias, tiveron a primeira toma de contacto: un encontro no que coñecerse alumnos e profesorado.

O chamado Programa de Integración Escolar proporciona reforzo educativo e orientación a alumnos de etnia xitana mediante clases complementarias ás dos colexios, que se desenvolven ás tardes nas instalacións de dita fundación. Contempla tamén un servizo de intermediación entre as familias e os centros educativos a través do cal docentes dos colexios están en contacto directo cos profesionais do programa e estes, a súa vez, cos pais para, conxuntamente, contribuír ao éxito académico: o remate dos estudos. Realízanse titorías entres os orientadores educativos e as familias para facer un seguimento individualizado de cada estudante e coñecer os aspectos a reforzar.

No presente curso escolar forman parte do programa un total de 18 alumnos de 5º e 6º de primaria e dos distintos cursos da ESO. Hai outros 3 alumnos que cursan estudos post obrigatorios de FP e Bacharelato. Estes 20 rapaces estudan en 13 centros educativos de Lugo, que colaboran coa Fundación, Deputación e Concello lugués no desenvolvemento do Programa de Integración Escolar.

A participación no programa implica o compromiso previo da familia e do centro escolar. Esta tarde, coincidindo co inicio do curso escolar, houbo un encontro de motivación con estudantes e familias. A sesión comezou coa presentación da campaña “Non queremos unha escola con segregación”. A continuación, o profesor Álvaro del Campo, que foi docente do IES Leiras Pulpeiro e conta cunha gran experiencia de traballo con familias xitanas, ofreceu unha charla sobre a importancia da escola. Ao finalizar, os máis pequenos participaron nun obradoiro de ciencia divertida. A xornada pechou cunha merenda.

Multimedia

  • 20 rapaces de etnia xitana inician o programa de reforzo escolar que fan posible Concello e Deputación de Lugo

Noticias relacionadas