O Programa Socioeducativo en Igualdade do Concello, exemplo de boas prácticas municipais nunha xornada organizada pola FEGAMP

A responsable de Cohesión Social participou este martes como ponente nun encontro en Santiago que reuniu a concellos galegos na vangarda das políticas de igualdade.

Ana Abelleira: “Buscamos achegar á poboación adolescente ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero”.

O Concello de Lugo é pioneiro na posta en marcha de programas específicos de concienciación entre a mocidade, impulsando estas accións dende o ano 2016.

Martes, 27 de febreiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Programa Socioeducativo en Igualdade do Concello, exemplo de boas prácticas municipais nunha xornada organizada pola FEGAMP

A concelleira de Cohesión Social, Ana Abelleira, participou este martes na xornada "Pioneiros. Políticas de igualdade nos concellos galegos”, organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que reuniu a concellos galegos na vangarda das políticas de igualdade. O encontro, que tivo lugar na sede da FEGAMP en Santiago de Compostela, foi inaugurado pola secretaria de Estado de Igualdade para a Erradicación da Violencia contra as Mulleres, Aina Calvo; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo; e o presidente da FEGAMP, Alberto Varela.

Ana Abelleira interviu na terceira mesa redonda, na que se expuxeron boas prácticas municipais no ámbito da igualdade, xunto con Ana Balsa, da Mancomunidade do Salnés; e as alcaldesas de Bergondo e Tomiño, Alejandra Pérez e Sandra González. Neste senso, a edil puxo en valor o Programa Socioeducativo de prevención da violencia de xénero impulsado pola Casa da Muller.

“Deseñamos este programa coa finalidade de achegar á poboación adolescente ferramentas que axuden a potenciar o seu pensamento crítico e reflexivo ante as desigualdades de xénero e, de forma máis concreta, ante as diversas situacións de violencia machista e as súas consecuencias” explicou Abelleira quen lembrou que “o Concello de Lugo é pioneiro impulsando estas accións desde o ano 2016”.

Así mesmo, apuntou a concelleira “neste curso académico puxemos en marcha un servizo de asesoría en liña a través do que se presta asistencia e apoio en materia de igualdade e violencia de xénero ao alumnado dos catro cursos de ESO e FP, así como a comunidade estudiantil de 5º e 6º de Educación Primaria”. O obxectivo desta innovadora medida é detectar diferentes manifestacións da violencia de xénero, especialmente as máis invisibles, sutís ou difíciles de detectar, ofrecendo un punto de asesoramento inmediato e información en liña a través da aplicación WhatsAap aproveitando a enorme instauración desta canle entre a mocidade.

A asesoría en liña non é a única novidade introducida polo Executivo Municipal para este curso. A comunidade escolar conta tamén cunha asesoría presencial que cumpre os mesmos obxectivos e que diversifica as opcións que a mocidade ten para acceder a información ou solicitar axuda.

“Por outra banda e de forma complementaria, organizamos xornadas de sensibilización dirixidas ao profesorado e ás familias do alumnado daqueles centros que así o soliciten”, engadiu a edil. Ademais, durante os recreos ou tutorias, dependendo das necesidades de cada centro, o Concello ofrece a instalación de Puntos Violetas Itinerantes para detectar manifestacións sexistas.

“Consideramos que é imporante para avanzar nesta materia, no contexto dos centros educativos da cidade, facilitar ao alumnado as ferramentas precisas para converterse en protagonistas do seu aprendizaxe. Aspiramos a favorecer a construción, dende as súas propias experiencias, dunha identidade igualitaria”, concluíu González Abelleira.

No encontro tamén interviñeron a ex secretaria de Estado de Igualdade, Laura Seara, e as ex secretarias xerais de Igualdade, Carme Adán e Susana López Abella, quenes protagonizaron a primeira mesa redonda da xornada, baixo o título “A igualdade como edificio en construcción permanente”. Na segunda, “Innovando en igualdade dende os pequenos concellos”, participaron as alcaldesas de Salceda de Caselas, Pobra de Trives, Folgoso do Courel e Cee. A clausura correu a cargo da vicepresidenta da FEGAMP, María Barral.

Multimedia

  • O Programa Socioeducativo en Igualdade do Concello, exemplo de boas prácticas municipais nunha xornada organizada pola FEGAMP

Noticias relacionadas