A Alcaldesa anuncia a creación de 500 novas prazas de aparcamento gratuítas no entorno do HULA

O Concello traballa na reordenación do tráfico e no acondicionamento dunha parcela municipal para ampliar o estacionamento en fronte da entrada do hospital

A rexedora dá resposta a unha demanda veciñal da cidade e da provincia, dado o gran volume de persoas que acude ao complexo, que a federación veciñal cifra entre 3.000 e 4.000 diarias

Venres, 23 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa anuncia a creación de 500 novas prazas de aparcamento gratuítas no entorno do HULA

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou este venres que o Concello traballa na reordenación do tráfico e no acondicionamento dunha parcela municipal en fronte da entrada do HULA, medidas coas que quedarán habilitadas máis de 800 prazas de aparcamento gratuítas nesta zona, 500 delas de nova creación. Méndez, acompañada do voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, e de técnicos municipais, avanzou esta iniciativa durante unha reunión mantida nas inmediacións do centro hospitalario con membros da Federación de Asociacións de Veciños de Lugo, cos que visitou tamén os terreos municipais nos que se creará o aparcamento.

Por unha banda, o Concello estuda que o estacionamento da rúa de enfronte ao HULA deixe de ser lineal e pase a diagonal, medida coa que quedarán dous carrís amplos de circulación, en vez de catro, e se gañarán 150 novas prazas, polo que en total haberá dispoñibles unhas 500.

Por outra banda, acondicionarase como estacionamento a parcela de titularidade municipal, tamén en fronte do hospital, na que deste xeito se crearán en torno a 330 prazas. Neste caso, segundo explicou a Alcaldesa, o proxecto acometerase en varias fases. A primeira consistirá en desbrozar a zona e proceder ao movemento de terras para explanar o terreo. Tamén se tomarán as medidas necesarias para protexer a mámoa achada na finca segundo as disposicións de Patrimonio. A conclusión deste proceso irá parella á aprobación do 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois con elo o terreo terá a cualificación urbanística necesaria para o uso de aparcadoiro.

A nova sinalización da rúa para crear aparcamentos en diagonal e o desbroce e explanación da parcela municipal comezarán a finais de ano.

Con estas actuacións para ampliar o aparcamento gratuíto no entorno do HULA, a rexedora dá resposta a unha forte demanda veciñal da cidade e da provincia. “Todos somos potenciais usuarios do hospital, polo que no Concello somos moi sensibles aos problemas de aparcamento que existen e que xa nos transmitiran os distintos colectivos nas reunións que viñemos mantendo nestes meses co tecido socioeconómico da cidade”, explicou a Alcaldesa.

O presidente da federación de asociacións veciñais, Jesús Vázquez, confirmou dita preocupación, “unha das maiores que a día de hoxe teñen os veciños de Lugo”, dado as prazas limitadas existentes e o gran volume de persoas que acude ao hospital, que neste colectivo cifran entre 3.000 e 4.000 diarias.

Reivindicación de Hemodinámica

Durante a reunión cos veciños, a Alcaldesa garantiu que seguirá reivindicando a dotación de Hemodinámica 24 horas ao HULA, un servizo “de xustiza, avalado por técnicos”, indicou a rexedora: “Non reclamamos nada que non nos corresponda”.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a creación do novo aparcamento gratuíto|Descargar mp3

Noticias relacionadas