A área de Gobernanza fornece o cadro de persoal do Concello coa incorporación de 11 traballadores a 5 servizos municipais

Paula Alvarellos anuncia tamén a chegada, nos vindeiros días, de máis empregados para outros departamentos co obxecto de axilizar todo o posible a tramitación administrativa

“A dotación de novos efectivos está a permitir o desbloqueo do Rexistro Municipal”, subliña a Responsable de Recursos Humanos.

Xoves, 24 de outubro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Gobernanza fornece o cadro de persoal do Concello coa incorporación de 11 traballadores a 5 servizos municipais

A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, anunciaba hoxe a incorporación de 6 auxiliares administrativas a catro departamentos municipais.

“Dende esta mesma semana unha delas xa se atopa traballando no servizo de Estatística e outra no de Licenzas e para mañá se agarda a entrada de dúas máis, unha para Rexistro e outra para Servizos Sociais, ás que haberá que engadir outro reforzo igual (2 auxiliares administrativas unha para Rexistro e outra para Servizos Sociais) o luns”, explica a concelleira que indicou que se trata de persoal interino que foi requirido a través das listas habilitadas, ao respecto, pola administración local.

“Con esta medida, impulsada dende a área de Gobernanza, o que queremos é fornecer distintas áreas municipais, independentemente da súa dirección política, para paliar a carga de traballo e axilizar todas as tarefas que teñen encomendadas e que son de gran importancia para a tramitación administrativa e a resolución das demandas cidadáns”, explicou Paula Alvarellos, asegurando que “a dotación dos novos efectivos está a permitir o desbloqueo do Rexistro Municipal”.

A responsable de Recursos Humanos salientou tamén que nesta semana tomaron posesión cinco funcionarios de carreira, un peón especialista e catro Oficiais Maquinista Fontanero que, neste caso, serán derivados á Unidade de Augas para mellorar o seu funcionamento.

Noticias relacionadas