A área de Medio Ambiente acondiciona un treito do Paseo do Miño coa limpeza da marxe fluvial e a rexeneración do firme

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou esta mañá os traballos que se concentraron no sendeiro que discorre en paralelo aos xardíns do Balneario.

O dispositivo, composto por unha brigada dotada cun dumper, unha compactadora e catro operarios, se encargou de botar xabre para mellorar o estado no que se atopa este camiño peonil.

Xoves, 19 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente acondiciona un treito do Paseo do Miño coa limpeza da marxe fluvial e a rexeneración do firme

O tenente de alcaldesa e responsable da área de Medio Ambiente, Miguel Fernández, supervisou hoxe o inicio dun operativo especial de acondicionamento no Paseo do Miño.

“Unha intervención que se está executando no treito que discorre en paralelo aos xardíns do Balneario e coa que pretendemos mellorar unha contorna que é moi frecuentada pola veciñanza no seu tempo de lecer e para a práctica deportiva na natureza”, explicou o edil.

O dispositivo mobilizado pola área de Medio Ambiente compúxose dunha brigada dotada cun dumper pequeno, unha máquina compactadora e catro operarios que, provistos do material necesario, fixeron fincapé tanto na limpeza como no arranxo do firme.

Segundo referiu o concelleiro, nun traxecto de 110 metros, procedeuse primeiramente a realizar tarefas de mantemento como a roza das marxes do camiño, eliminando tanto a vexetación como outro tipo de material acumulado, ata obter un piso nivelado sobre o que poder facer o reforzo do chan. A continuación estendeuse unha capa de xabre de 15 -20 centímetros para eliminar a presenza dos foxos xurdidos coas inundacións que sofre esta zona de servidume do río.

“Labores que comezaron onte e finalizaron esta mesa mañá e que redundarán no estado no que se atopa un dos principais roteiros peonís cos que contamos no municipio”, sinalou Miguel Fernández.

A actuación súmase á limpeza intensiva que se levou a cabo recentemente neste mesmo espazo así como aos que se realizan no resto da cidade, dentro da planificación da Concellería de Medio Ambiente, tanto por parte do persoal municipal como das empresas que se encargan da conservación dos espazos axardinados da capital.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o acondicionamento do Paseo do Miño | Descargar mp3

Multimedia

  • A área de Medio Ambiente acondiciona un treito do Paseo do Miño coa limpeza da marxe fluvial e a rexeneración do firme

Noticias relacionadas