A área de Sostibilidade Urbana tramitou en 2021 un total de 3.336 expedientes urbanísticos, o 83% dos solicitados ese mesmo ano

Do conxunto das resolucións emitidas, 1941 se corresponden con Comunicacións Urbanísticas, 399 con licenzas e 237 con autorizacións de obras na vía pública.

Entre o labor desenvolvido polos servizos desta concellería figuran a regularización das vivendas da Croa, a urbanización da esquina de San Roque ou a descatalogación do Edificio de Correos para posibilitar a construción da Intermodal.

Martes, 15 de febreiro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Sostibilidade Urbana tramitou en 2021 un total de 3.336 expedientes urbanísticos, o 83% dos solicitados ese mesmo ano

Dende que comezou o 2021 e ata o 30 de novembro, a área de Sostibilidade Urbana do Concello de Lugo recibiu 5.613 documentos que deron pé ao inicio de 3.598 procedementos, resolvéndose ate ese momento un total de 3.336, dos que o 83% (2.793) se corresponden con expedientes solicitados ese mesmo ano, mentres que 543 derivan de exercicios anteriores.

Do conxunto da tramitación resolta, 1941 expedientes atinguen a Comunicacións Urbanísticas (o 94’91% das 2045 solicitadas) e 399 foron licenzas, 237 autorizacións de obras na vía pública e 153 comunicacións e declaracións responsables sobre actividades, sendo estes os procedementos máis demandados entre a poboación lucense.

O 2021, ano de recuperación da actividade económica trala chegada da pandemia, a área de Sostibilidade Urbana implantou diferentes medidas que redundaron, como así o constatan os resultados, na mellora do funcionamento dos servizos e departamentos relacionados con esta concellería, incrementando a celeridade coa que se están a abordar os distintos procedementos, toda vez que se analizou a realidade e, sobre todo, as necesidades locais.

Entre eles figura a creación dunha Ordenanza reguladora das licenzas urbanísticas que xa se atopa nunha fase moi avanzada, así como a entrada en vigor dunha instrución para regular a tramitación de títulos habilitantes para obras de edificación establecendo prazos de resposta para Administración e administrados, a harmonización de criterios para adecuar a normativa do PEPRI aos requirimentos da Lei autonómica - sendo o primeiro gran Concello de Galicia en ter homoxeneizados os niveis de protección do seu patrimonio catalogado - así como habilitando a tramitación directa e específica, en sede electrónica, de 9 procedementos urbanísticos ou creando un espazo de consulta pública sobre interpretación da normativa urbanística e a través do cal o Servizo dá resposta ás preguntas máis recorrentes, actualizándose, destexeito, de forma permanente os seus contidos.

“Medidas internas, que se artellaron en paralelo á execución do traballo en prol de incrementar a súa eficacia e que se adoptaron para mellorar – como así se está conseguindo - o funcionamento da área. Unha nova operativa que, en definitiva, persegue fomentar e impulsar a participación cidadá, minorando a burocracia e alcanzando unha comunicación máis directa, concreta e dilixente cos colectivos profesionais, os promotores das actuacións e coa veciñanza en xeral que, nese obxectivo, non ten por que ser presencial, salvo que se considere convinte ou oportuno como xa acontece noutros organismos públicos estatais e autonómicos nos que, dende a chegada da COVID a primeira toma de contacto é sempre telefónica. E no caso da área de Urbanismo, a vía a través da que se resolven con eficiencia o 70% das consultas que nos traslada a veciñanza”, sinalou a tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos.

Alén do anteriormente mencionado e como mostra do labor desenvolvido pola área só no pasado exercicio, tamén no 2021, a área de Sostibilidade Urbana do Concello de Lugo tramitou:

  • A captación de fondos para financiar a rehabilitación do Casco Histórico que, para esta convocatoria contan cunha partida de 530.061 euros, duplicando a cantidade asignada na edición anterior (233.500 euros).
  • A regularización das vivendas da Croa, a piques xa de escriturar a vivendas a favor das persoas propietarias.
  • A urbanización da esquina de San Roque, rematando con 30 anos de provisionalidade da pasarela actual.
  • A modificación puntual e non substancia do PXOM para poder eliminar do seu Catálogo de Protección o Edificio de Correos e, así, favorecer a construción da Estación Intermodal.
  • A xestión e pago das expropiacións necesarias para posibilitar a humanización de Infanta Elena.

Ademais de contribuír ao desenvolvemento do Parque Empresarial das Gándaras apurando toda a tramitación urbanística necesaria, propiciar a integración na rede viaria municipal da Nacional VI para axilizar os procedementos relacionados coa estratexia Dusi – Muramiñae ou tramitar a cesión ao Goberno Central da parcela necesaria para construír a rotonda de Alfonso XII, entre moitos outros procedementos.

Audio

  • A edil Paula Alvarellos, sobre o balance da labor, na área de Urbanismo | Descargar mp3

Noticias relacionadas