Arranca Mó-ve-te con nós con alternativas de lecer na rúa para os mozos, froito dos Orzamentos Participativos

Carmen Basadre presentou este xoves o programa, que ofrece actividades gratuítas por toda a cidade dende esta tarde e ata o 19 de setembro

Inchables, karts, pistolas de auga, xogos tradicionais, unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, capoeira, danza na rúa, parkour, paintball, escalada, festa da escuma, rafting e cine son algunhas das propostas

Xoves, 06 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Carmen Basadre

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este xoves na Praza do Castiñeiro o programa Mó-ve-te con nós, que inclúe alternativas de lecer e cultura na rúa dirixida aos máis novos, que a delegación organizou en resposta ás peticións veciñais nos Orzamentos Participativos. As actividades, todas gratuítas, desenvolveranse dende esta mesma tarde e ata o 19 de setembro.

Basadre destacou que coa posta en marcha deste programa, “o Concello de Lugo da resposta ás necesidades e demandas que nos fixeron os veciños nos Orzamentos Participativos, ao tempo que ofrecemos alternativas de lecer na rúa, un importante espazo de socialización”.

Ao longo de dous meses, Mó-ve-te con nós ofrecerá diversas propostas para a mocidade lucense. Inchables, karts, pistolas de auga, xogos tradicionais, unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, capoeira, danza na rúa, parkour, slackline, paintball, escalada, festa da escuma, rafting e cine son algunhas das actividades deste novo programa.

Actividades ao aire libre

Os nenos e nenas de 3 a 12 anos poderán gozar de inchables, karts, pistolas de auga e xogos tradicionais esta mesma tarde na Praza de Augas Férreas, dende as 17:00 ás 19:30 horas. Estas actividades tamén terán lugar o sábado, 8 de agosto, na Milagrosa; o xoves 13, no Parque de Rosalía; o xoves 20, na Fontes dos Ranchos; o sábado 22, na Praza do Castiñeiro; o 27 de agosto en Campo Castelo; e o 29, no Paseo do Miño. En setembro, as actividades desenvolveranse o xoves, día 3, no barrio do Sagrado Corazón; o 5, no Castiñeiro; o 12 na Piringalla; e o 19 en Montirón.

A programación desenvolverase sempre no mesmo horario, de 17:00 a 19:30 horas. Non é preciso inscrición previa.

Saída ao parque acuático de Cerceda

O vindeiro sábado, 5 de setembro, o Concello organiza unha viaxe ao parque acuático de Cerceda, para os mozos e mozas de 16 a 30 anos. As prazas son limitadas, polo que é preciso inscibirse na Oficina de Xuventude antes das 20:00 horas do xoves, 3 de setembro. Os participantes sairán ás 10:00 horas dende a Casa da Xuventude e regresarán a Lugo sobre as 21:00 horas.

Deportes na rúa

  • Luns de capoeira Todos os luns do mes de agosto, na praza Horta do Seminario, dende as 17:00 ás 19:30 horas.
  • Martes de parkour Os días 11, 18 e 25 de agosto, e o 1 de setembro; na Praza de Augas Férreas, a partires das 17:00 horas.
  • Mércores de slackline Os días 12, 19, 26 de agosto e 2 de setembro; no parque de Rosalía de Castro, de 17:00 a 19:00 horas.
  • Xoves de danza na rúa Os días 13, 20 e 27 de agosto e o 3 de setembro; na Praza Maior, de 17:00 a 17:30 horas.
  • Venres de skate Os días 21 e 28 de agosto e o 4 e 11 de setembro, en Frigsa, dende as 17:00 ás 19:30 horas.

Festa da espuma, Rocódromo e Paintball

O Paseo do Miño acollerá o 12 de setembro, dende as 17:00 ás 19:00, unha festa da espuma, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Neste mesmo horario e nestas inmediacións poderase practicar a escalada nun rocódromo. O mesmo día, de 12:00 a 18:00 horas, os rapaces a partir de 16 anos participarán nunha xornada de paintball.

Rafting

Para o sábado, 19 de setembro, a Concellería de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, preparou unha sesión de rafting en Arbo dirixida aos maiores de 18 anos. As prazas son limitadas polo que é preciso inscibirse na Oficina da Xuventude. O prazo estará aberto ata o día 17, ás 20:00 horas.

Cine

Os barrios do Castiñeiro e Fontiñas acollerán o 13 e o 28 de agosto, respectivamente, unha sesión de cine ao aire libre, na que se proxectará a película El Hobbit e Al otro lado de la cama. As proxeccións, abertas ao público, serán a partires das 22:00 horas.

Curso horto urbano

Do 19 de agosto ao 8 de setembro, na Casa da Xuventude terá lugar un curso teórico-práctico sobre o horto urbano. Os participantes, que se poden inscribir ata o día 17 de agosto nesas mesmas instalacións, aprenderán a preparar a terra para plantar, dende as 10:00 ás 14:00 horas.

Resposta aos veciños

Con esta iniciativa cultural e de lecer arranca a execución dos Orzamentos Participativos. O Concello sacará adiante 59 proxectos demandados polos veciños e veciñas do municipio, que contan unha dotación económica de 500.000 euros.

Audio

  • Declaracións de Carmen Basadre durante a presentación do programa Mó-ve-te con nós | Descargar mp3 

Noticias relacionadas