O Executivo de Lara Méndez avanza ás asociacións do Arde Lvcvs as datas da XXIII edición da festa que rememorará as orixes de Lugo do 13 ao 16 de xuño

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, realizou o anuncio onte durante o transcurso da IX cena de confraternización que mantén cos colectivos.

O edil agradeceulles novamente “o seu traballo, esforzo e dedicación, decisivos para ter acadado este ano o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional”.

O vindeiro 30 de novembro o Concello homenaxeará ás asociacións de recreación histórica lucenses coa Medalla de Ouro da cidade nunha cerimonia que terá lugar no MIHL.

Domingo, 12 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez avanza ás asociacións do Arde Lvcvs as datas da XXIII edición da festa que rememorará as orixes de Lugo do 13 ao 16 de xuño

A XXIII edición do Arde Lvcvs celebrarase do 13 ao 16 de xuño do vindeiro ano. Así llo comunicou o concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, ás dezanove asociacións que fan posible esta festa de recreación histórica, durante o transcurso da IX cena de confraternización que mantén cos colectivos e na que estivo acompañado polo edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, e por Ana Abelleira, responsable de Cohesión Social.

Bustos agradeceu novamente ás asociacións romanas e castrexas que forman parte da organización do Arde Lvcvs “o traballo que realizan durante todo o ano, o seu esforzo e dedicación para recrear con fidelidade as nosas orixes, convertendo esta celebración nunha cita única en España”. O edil lembrou que “xuntamente co Concello, conseguimos este ano o ansiado recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional, motivo polo cal queremos rendirlles unha merecida homenaxe distinguíndoas coas Medallas de Ouro da cidade”.

A entrega deste recoñecemento, a máxima distinción que o Concello de Lugo concede a entidades ou á cidadanía, terá lugar nunha cerimonia que se desenvolverá o próximo 30 de novembro, no MIHL. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, propuxo á Corporación Municipal outorgar as Medallas de Ouro deste 2023 ás 19 asociacións de recreación histórica da cidade pola súa contribución decisiva para que o Arde Lvcvs fose declarado como Festa de Interese Turístico Internacional.

Pola súa banda, a rexedora subliñou o alcance social, turístico e económico que xeran estes festexos e explicou que “un dos motivos polo cal anunciamos as datas de maneira temperá é coa finalidade de permitir que o tecido asociativo, os veciños e veciñas, así como a hostalería e o comercio local poidan prepararse e traballar con previsión, planificando eses días”.

Así mesmo, convidou a todas as persoas doutras cidades e vilas a gozar cos e coas lucenses da transformación que experimenta o municipio que, con fidelidade, “retrocede no tempo para pór en valor o legado cultural e histórico que posuímos”.

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo concedeu o recoñecemento de Festa de Interese Turístico Internacional á cita luguesa no mes de marzo, logo de que a finais do ano pasado o Concello iniciara a tramitación para acadar este distintivo.

O que comezou en 2002 como unha festa para incentivar o sector da hostalaría do centro histórico, e que tan só duraba unha noite, non tardou moito en converterse nunha festa de recreación histórica, cun compoñente indentitario, patrimonial, cultural, lúdico e de dinamización económica que a fan absolutamente singular. Así, no ano 2003 ampliouse a súa duración a toda a fin de semana, comezando o venres pola tarde e finalizando o domingo pola noite. Hoxe en día, a festa arrinca xa o xoves. En 2011, foi declarada festa de Interese Turístico de Galicia e no 2017 conseguiu o recoñecemento de festa de Interese Turístico Nacional.

Unha vez transcurrido o prazo mínimo de 5 anos como Festa de Interese Turístico Nacional requerido para poder solicitar o seu recoñecemento internacional, o executivo de Lara Méndez iniciou os trámites que concluíron o pasado mes de marzo coa obtención da mencionada distinción.

Precisamente polo grado de implicación da cidadanía o Arde Lvcvs foi incrementando o seu éxito da man da aposta decidida que fixo o Concello para recuperar o pasado romano-castrexo da cidade tratando de mantelo vivo cunha recreación fidedigna pero, sobre todo, participativa e lúdica, exportando a imaxe máis positiva e cordial do municipio e dos e das lucenses.

En total, son 19 asociacións as que forman parte da organización dos festexos e que aglutinan a preto dun millar de socios e socias: Ara Roma; Asamblearias Lucus Augusti; Caetra Lucensium; Civitas Lucensis; Clan de Breogán; Cohors III Lucensium; Guardia Pretoriana; Kertix; Lucus Equites; Lucus Icenas Miliatore; Lugdunum; Mercenarios Galaicos; Pax Romana; Salesiani Luci Augusti; Senatus Lucus Augusti; Terra Copora; Tir Na n'Og; Trebas Galaicas; Vestales Lucus Augusti.

Audio

  • O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, sobre o Arde Lucus 2024 | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Lara Méndez avanza ás asociacións do Arde Lvcvs as datas da XXIII edición da festa que rememorará as orixes de Lugo do 13 ao 16 de xuño

Noticias relacionadas