A comisión da Residencia solicitará unha reunión co subdelegado do Goberno

A mesa de traballo, que se reuniu este venres no Salón de Comisións, quere “coñecer de primeira man as limitacións para o uso do materno infantil e a viabilidade estrutural do Vello Xeral”

A comisión manterá un encontro co xerente do SERGAS o vindeiro 10 de decembro para concretar unha visita ás instalacións do antigo hospital 

Venres, 27 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A comisión constituída no pasado mes de outubro co obxecto de estudar posibles solucións para dotar de novos servizos ao antigo Hospital Xeral e revitalizar o barrio da Residencia reuniuse de novo este venres no Salón de Comisións do Concello. Na xuntanza, presidida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, asistiron, ademais de representantes de todos os grupos políticos da Corporación, a directora do CEIP Casás e o do colexio Menéndez Pelayo, a presidenta da asociación de veciños e comerciantes da Residencia, e representantes das ANPAS, tal e como se acordou na constitución da mesa de traballo.

Na sesión de hoxe acordouse solicitar unha reunión co subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, para coñecer de primeira man as limitacións para o uso do materno infantil e a viabilidade estrutural do Vello Xeral, tal e como deu a coñecer Miguel Fernández. Neste senso, o voceiro adiantou que a mesa de traballo consensuou reunirse o día 3 de decembro, ás 17:00 horas, para avaliar as enquisas que o Concello enviou aos centros educativos, dirixidas ás nais e pais dos cativos e cativas para coñecer as necesidades do barrio, e que hoxe durante a comisión entregaron os representantes dos colexios.

A comisión manterá así mesmo unha entrevista co xerente do SERGAS, Antonio Fernández Campa, o vindeiro 10 de decembro, ás 16:30 horas, para concretar unha visita ás instalacións do antigo xeral.
O vindeiro 22 de decembro, ás 17:00 horas, terá lugar a seguinte reunión desta mesa, que busca instalar novos servizos no antigo Hospital Xeral, que servía como motor dinamizador deste barrio de Lugo, onde reside entorno a un 15% da poboación lucense, ata o ano 2011, momento no que se inaugurou o HULA.

Noticias relacionadas